Partido Popular de Lugo

María Luisa Macía: “O acto antidemocrático de Fernández Montes provoca que solicitemos un pleno extraordinario para poder votar as nosas mocións”

Rábade, 26 de setembro de 2013.- A presidenta e voceira do PP de Rábade, María Luisa Macía, anunciou hoxe que o seu partido solicitará un pleno extraordinario para poder tratar as mocións que o seu grupo levou ao último pleno municipal e que non puido debater debido ao acto antidemocrático protagonizado polo rexedor, Fernández Montes.

“O alcalde alterou unilateralmente a orde do día, transformando as nosas mocións en rogos para evitar que foran debatidas e votadas”- denunciou Macía, quen acusou ao rexedor de atentar contra a democracia e de impedir que o máximo órgano da Corporación, puidera abordar asuntos de máximo interese e estrita competencia municipal.

María Luisa Macía atribuíu este comportamento do alcalde á situación de debilidade na que se atopa, un goberno en minoría, que temía que foran sometidos a votación asuntos tan relevantes como a posta en marcha dun plan de emprego municipal e a concesión dunha axuda económica á asociación Músico Crisanto, ambas peticións que o Grupo Municipal Popular formulaba como mocións.

Macía quixo lembrar que un dereito fundamental de todo concelleiro, máis se cabe dos grupos da oposición, é o de participar con voz e voto nas sesións do Pleno e sinalou que esta prerrogativa implica a posibilidade de formular mocións: propostas de acordo que se sometan directamente ao coñecemento do Pleno, e que estas sexan obxecto de debate e votación.

Os populares non descartan trasladar este asunto ante os tribunais de xustiza ou ante o Valedor do Pobo, no caso de que o alcalde persista en este comportamento antidemocrático. Polo momento, solicitaron ao Secretario municipal que elabore un informe xurídico sobre a extralimitación do alcalde e as consecuencias que dito comportamento ten.

Macía explicou, finalmente que logo de producirse estes feitos os populares abandonaron a sesión plenaria celebrada o pasado luns e, formularon a convocatoria extraordinaria dun novo pleno, neste caso para tratar os asuntos bloqueados polo rexedor.