Bóveda, 24 de setembro de 2013.- O alcalde de Bóveda e deputado provincial, José Manuel Arias, defendeu no pleno da Deputación de Lugo a urxencia de debate dunha moción para que a administración provincial colabore economicamente na mellora do sistema de abastecemento de auga do municipio, tal e como se comprometera verbalmente.
Neste senso, José Manual Arias censura que o bipartito da Deputación non considere urxente o problema da agua en Bóveda, relegando o debate da moción ao pleno de outubro, e impedindo así que Gómez Besteiro e Antón Veiga se posicionen sobre o acordo verbal de colaboración económica asumido co municipio para mellorar o sistema do abastecemento de auga de Bóveda.
O popular non entende que tanto o PSOE como o BNG, co voto en contra da urxencia, impedisen urxirlle á Deputación a que asuma os seus compromisos, dando así resposta a un “problema que implica unha actuación inmediata dado as deficiencias no abastecemento de auga” e máis tras ter constancia dun informe de Sanidade que recolle que “a auga de Bóveda non é potable para o consumo”.
Arias lamenta que os dous partidos políticos evitasen que se entrase no debate en fondo dunha moción sobre unha situación que implica a “máxima axilidade na súa xestión tendo en conta que o abastecemento de auga garantindo unha calidade axeitada é un servizo prioritario, que merece o trato de excepcionalidade”.
O deputado e alcalde invita ao grupo do PSOE e do BNG no concello a que se pronuncien ao respecto e que explican se consideran oportuna a actuación dos seus socios na Deputación Provincial de Lugo que forman parte dun equipo de goberno que a data actual “non iniciaron os trámites aos que se comprometeron para colaborar co concello”.
A Deputación Provincial de Lugo evade colaborar cos municipios, incluso ante situación de primeira necesidade, como é a oferta dun servizo de auga potable; lamenta José Manuel Arias, ao referirse a unha situación que para o presidente do PP local é “reprobable e debera contar ca oposición dos seus representantes no municipio”.
A Deputación conta coa dotación orzamentaria
O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, asinou en 2011 un convenio co concello para a construción dunha piscina municipal, tras que a administración provincial puxera á súa disposición os terreos e os proxectos, despois de terse asinado un primeiro convenio no 2007.
Pese a que o municipio respondeu ás peticións para materializar este proxecto de construción da piscina, a data actual non se levou a cabo existindo polo tanto a dotación orzamentaria que adxudicara para esta obra.
Dado aos inconvenientes ocasionados pola presenza de cianobacterias no abastecemento de auga municipal e tendo elaborado un proxecto para superar estas deficiencias; o alcalde do municipio en diferentes contactos co presidente e vicepresidente da Deputación solicitou a reorientación dos fondos deste partida para a construción da piscina a darlle unha solución ao servizo da auga.
Deste xeito, dende a Deputación aseguráronlle ao rexedor que si colaborarían co municipio economicamente para sacar adiante a mellora na Etap de Bóveda-Fase II; porén a día de hoxe non se iniciou ningún trámite pese a necesidade deste acometido dado a repercusión que poden ter para a saúde pública os problemas no abastecemento de auga.