Castroverde 20 de setembro de 2013. A voceira do PP en Castroverde, María Gómez, denunciou esta mañá o incumprimento por parte da Deputación Provincial de Lugo cos veciños de Castroverde en materia de benestar.
Porén, os populares, levarán á vindeira sesión plenaria, unha moción, esixíndolle a Deputación de Lugo, que cumpra coa normativa vixente en materia de servizos sociais, e que achegue os recursos precisos para o financiamento dos gastos íntegros do servizo de axuda no fogar básico e para a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.
María Gómez denunciou que o Organismo Provincial incumpre con este concello lucense posto que tan só aporta o 11% do que custa o servizo de axuda no fogar.
“Dos máis 32.000 euros que custa o servizo de axuda no fogar, a Deputación de Lugo tan só achega 3.697”- manifestou.
A voceira popular agarda que o rexedor socialista, José María Arias, e o BNG, se posicionen a favor dos intereses dos veciños de Castroverde e non dos seus homólogos na Deputación de Lugo, que o único que fixeron foi tomar unha decisión totalmente inxustificada.