Navia de Suarna, 18 de setembro de 2013.- O PP de Navia de Suarna puxo en valor a achega da Xunta de Galicia para a recuperación e conservación dos espazos naturais neste concello lucense.
“O Goberno galego investirá 19.955,88 euros a distribuír entre o ano en curso e o 2014”- manifestaron os populares, quenes destacaron os preto de 20.000 euros que destina a Xunta para esta actuación e mostraron a súa satisfacción por esta boa nova.
Lembrou o PP deste concello de A Montaña que a Rede Natura 2000 é un instrumento creado por unha Directiva da Unión Europea dirixido á conservación do medio natural, e a través do que se busca brindar a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego. A Rede Natura 2000 está conformada por dous tipos de áreas: zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e lugares de interese comunitario (LIC).
Segundo explicaron os populares, estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia
TRIPLE FINALIDADE
Neste senso, O PP de Navia de Suarna, manifestou que estas axudas teñen por obxecto financiar a execución de accións que permitan melloras nun triplo obxectivo
a) Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos: limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios; sinalización de camiños, e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000
b) Actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional (protección e restauración de elementos de valor patrimonial nas explotacións: hórreos, milladoiros, cabanas, valos e fontes; calquera outra de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000)
c) Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas: sistemas de condución e drenaxes próximos a zonas de acceso; investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes; mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000.