Partido Popular de Lugo

Balseiro explica que Lugo é unha das provincias máis beneficiadas polas axudas da Xunta para a primeira forestación de terras non agrícolas

Lugo, 18 de setembro de 2013.- O secretario xeral do PPdeLugo e portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor o investimento da Xunta de Galicia dirixido a subvencionar os gastos de plantación forestal -en terras non agrícolas- na provincia de Lugo.

O Goberno galego destinará para este obxecto un montante de 16,4 millóns de euros entre 2013 e 2015, segundo a orde de convocatoria publicada no día de onte no Diario Oficial de Galicia (DOG)

LUGO POTENCIA FORESTAL

Dáse a circunstancia de que a provincia de Lugo, como gran potencia forestal é un peso pesado na recepción destas axudas dentro da comunidade galega. Coas súas 656.842 hectáreas -un 67% do total do seu solo- é a provincia con maior superficie forestal arborada de toda Galicia e, polo tanto, en anteriores anualidades recibiu máis da metade dos fondos previstos para este fin. Cómpre agora presentar as novas solicitudes de axudas, correspondentes a anualidade en curso.

TIPOLOXÍA DAS AXUDAS

Serán subvencionables os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, a prima de mantemento e as infraestruturas de acompañamento ou obras complementarias das novas forestacións tales como o peche, apertura e arranxo de pistas forestais.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades de fomento forestal, propietarios particulares, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares, as cooperativas agrarias, os pro indivisos as comunidades de bens, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

800.000 EUROS PARA AFORRO ENERXÉTICO

Noutra liña de apoios Balseiro tamén explicou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) destinará 800.000 euros para dinamizar as áreas rurais de Galicia, máis en concreto, subvencionando proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos.

As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e achegarán recursos económicos para impulsar o uso da enerxía solar fotovoltaica ou térmica en cubertas de instalacións municipais ou pérgolas dunha altura mínima de 2 metros con utilidade funcional a maiores da de soportar os paneis.