Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo incumpre en materia de servizos sociais con O Incio ao aportar tan só o 17% do que custa o SAF

O Incio 18 de setembro de 2013.  O presidente do PP en O Incio, Jose Álvarez, anunciou que no día de mañá, o seu grupo rexistrará para o vindeiro debate plenario unha moción na que esixe á Deputación Provincial de Lugo que cumpra coa normativa vixente en materia de servizos sociais, achegando os recursos precisos para o financiamento dos gastos íntegros do servizo de axuda no fogar básico e para a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

O popular rexistrará esta iniciativa plenaria posto que teñen constancia de que a Deputación de Lugo incumpre en materia de servizos sociais co concello de O Incio ao aportar tan só o 17% do que custa o SAF.

“Dos máis de 33.000 euros que supón o orzamento deste servizo no municipio, a Deputación de Lugo achega tan só 5.943 euros”- denunciou Álvarez.

Ante esta cifra, o presidente dos populares neste concello pregúntalle ao goberno provincial, e máis concretamente, ao responsable de Benestar, Antón Veiga, se considera que con esta contía está garantida a competencia da administración provincial co municipio e reproba este comportamento á insensiblidade dun goberno bipartito provincial coas persoas maiores e dependentes e a súa negativa a asumir as obrigas de cooperación e colaboración que por lei lle corresponden.

“Agardamos que a señora alcaldesa, Laura Celeiro, se posicione a favor dos intereses dos veciños e non dun goberno provincial que vén de tomar unha decisión arbitraria, inxustificada e insensible”- manifestou o popular, quen engadeu que o seu grupo non entendería que a rexedora socialista prefira defender unha decisión partidista que conleva consecuencias negativas para os usuarios deste servizo, antes de demandarlle ao PSOE e ao BNG na Deputación que cambien esta decisión.

Concluíu José Álvarez manifestando en que o seu grupo confía en que o equipo de goberno vote a favor da súa proposta, por ser conscientes da actitude, cando menos criticable, que está a tomar a Deputación de Lugo.