Negueira de Muñiz, 17 de setembro de 2013.- O voceiro do PP en Negueira de Muñiz, José María Braña puxo en valor a achega da Xunta de Galicia para a recuperación e conservación dos espazos naturais neste concello da montaña, con espazos que forman parte da Rede Natura 2000. “O Goberno galego investirá en Negueira preto de 18.000 euros a distribuír entre o ano en curso e o 2014”- manifestou.
Braña López lembrou que a Rede Natura 2000 é un instrumento creado pola Unión Europea que ten como obxectivo conservar o medio natural, brindando a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego.
Segundo explicou o popular, estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.
“Estas axudas teñen por obxecto financiar a execución de accións que permitan melloras nun triplo obxectivo”- afirmou Braña López, quen manifestou que estas actuacións están dirixidas a mellorar a paisaxe agraria, a recuperar elementos históricos patrimoniais ou culturais e a preservar os hábitas ou ecosistemas.