Pontenova, 16 de setembro de 2013.- O voceiro do PP en A Pontenova, Jorge García, puxo, esta mañá, en valor, a achega do goberno galego para a recuperación e conservación dos espazos naturais neste concello mariñán, que forman parte da Rede Natura 2000.
“A Xunta de Galicia investirá 17.943,35 euros a distribuír entre o ano en curso e o 2014 para recuperar e conservar os espazos naturais de a Pontenova”- resaltou o popular, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.
Jorge García lembrou que estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.
“Gracias a estas axudas, poderán desenvolverse unha multitude de tarefas, tales como: limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos, recuperación ou restauración de elementos históricos patrimoniais”- manifestou o popular, quen lembrou que a Rede Natura 2000 é un instrumento creado por unha Directiva da Unión Europea dirixido á conservación do medio natural, e a través do que se busca brindar a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego.
Concluíu Jorge García agradecendo á Xunta de Galicia a súa colaboración neste eido, o que mostra a aposta por conservar estas zonas.