Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo incumpre en materia de servizos sociais con Rábade ao aportar tan só o 8% do que custa o SAF

Lugo 16 de setembro de 2013.  A voceira do PP no concello de Rábade, María Luísa Macía Martínez, vén de anunciar que o seu grupo rexistrou para o próximo debate plenario unha moción na que esixe á Deputación Provincial de Lugo que cumpra coa normativa vixente en materia de servizos sociais, achegando os recursos precisos para o financiamento dos gastos íntegros do servizo de axuda no fogar básico e para a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

Os populares rexistraron esta iniciativa plenaria tras ter constancia de que o ente provincial incumpre en materia de servizos sociais co concello de Rábade ao aportar só o 8% do que custa o SAF. Dunha maneira máis concreta, a popular explica que dos 44.400 euros que supón o orzamento deste servizo no municipio; a Deputación de Lugo achega tan só 3.743 euros.

Ante esta cifra, María Luísa Macía pregúntalle ao responsable de Benestar, Antón Veiga, se considera que con esta contía está garantida a competencia da administración provincial co municipio. Dende o PP de Rábade reproban este comportamento e a falta de sensibilidade do goberno bipartito provincial para coas persoas maiores e dependentes e a súa negativa a asumir as obrigas de cooperación e colaboración que por lei lle corresponden.

Así o puxo de manifesto a popular, que agarda que o voceiro do PSOE local se posicione a favor dos intereses dos veciños e non dun goberno provincial que vén de tomar unha decisión “arbitraria, inxustificada e insensible”, matiza María Luísa Macía.

“Non entenderíamos que o socialista prefira defender unha decisión partidista que conleva consecuencias negativas para os usuarios deste servizo, antes de demandarlle ao PSOE e ao BNG na Deputación que cambien esta decisión”, ao tempo que “confiamos en que o equipo de goberno vote a favor da nosa proposta, xa que son conscientes da actitude cando menos criticable que está a tomar a Deputación de Lugo”, explica a popular.

Normativa en servizos sociais

A voceira do PP  en Rábade lamenta que os servizos sociais nunca foran unha prioridade para a Deputación e recórdalle ao bipartito provincial que a lei de servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito no ano 2008 e pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais, para acadar un gran pacto social a favor dos máis desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a todas as administracións.

De igual maneira, a popular lémbralle ao goberno da Deputación de Lugo que o decreto que perfecciona esta regularización establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían a maior parte do SAF no Fogar Básico e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

“Levaremos a pleno esta incumprimento da Deputación de Lugo en materia de servizos sociais e máis tendo en conta que a desatención e a falta de compromiso da Deputación, provoca que os concellos de Lugo non teñan a colaboración obrigada da administración provincial, e a súa decisión de insumisión política e económica non garante o cumprimento da Lei reguladora de Servizos Sociais, nin das competencias de cooperación cos municipios”, conclúe a popular.