Ribas de Sil, 13 de setembro de 2013.- Máis de 19.000 euros, concretamente, 19.306,75 euros. É a cuantía económica que a Xunta de Galicia destinará a distribuír entre o ano en curso e o 2014 para recuperar e conservar os espazos naturais nas zonas de rede natura en Ribas de Sil.
Foi o voceiro dos populares neste concello da zona sur da provincia, Jesús Ballesteros, quen, en nome da coorporación local, mostrou a súa satisfacción por esta boa nova e agradeceu a Xunta de Galicia esta “mostra de colaboración do Goberno Galego por levar a cabo labores de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.
Jesús Ballesteros afirmou que gracias a estas axudas levaranse a cabo labores para mellorar a paisaxe e recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais nestas zonas.
“Gracias a estas colaboracións, poderán levarse a cabo labores de limpeza, restauración, sinalización de camiños e espazos recreativos ou restauración de fontes, valos ou cabanas”- enumerou Ballesteros.
Concluíu o popular manifestando que estas axudas están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural, garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.