Partido Popular de Lugo

O PP da Pobra de Brollón solicita ao goberno municipal que emprenda todas as xestións oportunas para beneficiarse do Camiño de Inverno unha vez oficializado

Lugo 13 de setembro de 2013.  O Partido Popular de Pobra de Brollón vén de rexistrar unha iniciativa plenaria na que lle solicita ao goberno local, liderado polo nacionalista Xosé Luís Maceda, que inicie todas as xestións oportunas para que o municipio conte coas infraestruturas necesarias no momento en que o Camiño de Inverno se oficialice como Ruta de Peregrinación Xacobea, e “podernos beneficiar así do paso do Camiño de Santiago pola localidade”.

Así o puxo de manifesto o voceiro dos populares, Fernando Parada, en referencia á moción que o seu grupo municipal do PP acordou levar a pleno unha vez que se fixo eco de que a Consellería de Cultura e Educación e, en concreto a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ratificou o seu compromiso de recoñecemento oficial do Camiño de Inverno como ruta de peregrinación xacobea.

Esta tramitación de ruta Xacobea, que acreditaría a historicidade deste tramo, afecta directamente ao municipio da Pobra de Brollón, ao discorrer polo municipio, feito que “se converte nunha importante oportunidade para aproveitar o seu potencial e atractivo turístico”, asegura o voceiro dos populares locais.

Necesario o máximo compromiso e xestión

Unha vez tido constancia da boa disposición da Xunta por seguir avanzando na delimitación de demais rutas e na oficialización do Camiño de Inverno, “consideramos necesario que dende o concello se adopte o máximo compromiso e xestión, sendo vital dotarse de infraestruturas necesarias para que a Pobra de Brollón poda converterse en fin de etapa”, matiza Fernando Parada.

Este feito implicaría que os peregrinos pernoctasen no concello de Pobra de Brollón co conseguinte beneficio para o municipio, explica o popular, quen engade que  “é indiscutible a repercusión económica que o Camiño de Santiago ten sobre os municipios polos que discorre; e dende o PP local “entendemos que non se debe perder esta oportunidade”.

“Somos conscientes de que se trata dun proceso que conleva trámites que o prolongarán no tempo” , pero tamén, engade, “tendo constancia deste compromiso, vemos necesario que o goberno local se poña mans á obra e de xeito paralelo inicie as xestións oportunas para aproveitar o máximo posible as repercusións positivas que conlevaría esta oficialización”.