Burela, 13 de setembro de 2013.- Os deputados Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra acompañados de alcaldes e portavoces do Partido Popular na Mariña lucense explicaron en rolda de prensa que veñen de rexistrar sendas iniciativas no Parlamento de Galicia, e nos concellos da comarca, nas que se lle pide á Xunta que os pacientes de cancro desta comarca poidan recibir o seu tratamento médico no Hospital de Burela.
Ata o de agora, cada ano, entorno a 80-100 veciños da Mariña lucense afectados por diversos tipos de enfermidades oncolóxicas (cancro) vense na obriga de desprazarse ás cidades de Lugo ou da Coruña para recibir asistencia médica especializada, e máis en particular, os diversos tratamentos de quimioterapia. Esta situación supoñía un importante trastorno tanto para o paciente como tamén para as persoas que lle acompañan (xeralmente familiares). De feito, dábase a confluencia de dous factores: os enfermos sufren as molestias propias dos efectos secundarios da quimioterapia combinadas co obrigado desprazamento ata as cidades nas que recibían o tratamento, situadas entorno a unha hora e media ata case dúas horas de viaxe.
HOSPITAL MÁIS PRÓXIMO AO SEU DOMICILIO
Esta situación mudará unha vez que o Goberno galego faga realidade a petición formulada polo Partido Popular e garanta a posibilidade de que os pacientes oncolóxicos da Mariña lucense podan recibir a asistencia á súa enfermidade e a quimioterapia, sempre que estea clinicamente indicado e sexa posible, no lugar máis próximo ao seu domicilio, neste caso o hospital de Burela.
Balseiro explicou que con esta iniciativa trasladan ao Parlamento unha demanda social, xusta e proporcionada dos veciños que –como xa se explicou con anterioridade- xa estaba a ser estudiada polo Servizo Galego de Saúde. “O que facemos e transformar unha posibilidade nunha realidade. Convertela nun mandato expreso do Parlamento ao Goberno. Nun compromiso oficial que a Xunta cumprirá como parte do seu compromiso coa mellora na calidade dos servizos públicos sanitarios da nosa comarca”-dixo o deputado.
Os populares tamén insistiron en que este novo servizo virá a desmentir a aqueles que auguraban falsamente un desmantelamento do Hospital da Costa e así explicou que, co novo modelo de integración sanitaria da provincia de Lugo, non só non se teñen eliminado ningunha prestación ou unidade no Hospital, senón que, na práctica, acontece todo o contrario: un reforzo da súa carteira de servizos, evitando o desprazamento de pacientes.
Balseiro lembrou que desde que o Partido Popular accedeu á responsabilidade de Goberno na Xunta veñen de impulsarse diversas iniciativas para a mellora da sanidade pública comarcal como foron a dotación da ambulancia medicalizada –tan so hai 10 en Galicia-, a contratación do proxecto de redacción do novo plan director do Hospital –que fará posible a súa futura ampliación- e, agora, a creación do Hospital del Día –unidade de hospitalización diurna- e a petición para que os enfermos de cancro sexan atendidos en Burela.