O popular José Antonio García renova no cargo de presidente do Partido Popular de Sarria, que leva ostentando dende o ano 2008, e ao fronte do cal recuperou á alcaldía nas municipais de 2011, tras acadar unha maioría absoluta nas urnas.
Os militantes do PP na localidade depositaron de novo a súa confianza no que é o actual rexedor do municipio durante o transcurso do congreso celebrado esta tarde noite, -ás 21:00 horas-, no hotel Alfonso IX do municipio.
José Antonio García continuará a dirixir as rendas do partido durante os próximos anos, camiño durante o que o presidente dos populares provinciais, José Manuel Barreiro, lle vaticinou os mellores dos resultados froito dun traballo constante e implicado cos veciños que o líder dos populares lucenses agradeceu.
“José Antonio García é un claro exemplo dun alcalde comprometido co partido e cos veciños, que dá a talla, está á altura das circunstancias, exercendo unha gran labor de rexedor”- manifestou Barreiro, quen engadiu que sigue a liña emprendida polos populares, en saír a rúa, escoitar aos cidadáns e intentar buscar solucións as súas peticións e problemas.
O apoio ao popular José Antonio García xa se puxo de manifesto ao converterse no único postulante á presidencia da formación política de Sarria, coa presentación de máis do dobre dos avais necesarios; o que mostra o recoñecemento e voto a favor da militancia dos populares co traballo que se está a emprender dende o PP local durante os últimos anos.
Candidatura elixida
José Antonio García presidirá unha candidatura que resultou respaldada esta tarde-noite, integrada por un total de trinta membros, variada e coa que dá atención tanto aos diferentes sectores do municipio como das parroquias.
Deste xeito, figuran como membros da xunta directiva, con cargo de vogais, os seguintes nomes: Antonio López Rodríguez, Francisco Pérez González, Mariana de Jesús Fernández Castro, Manuel Sangil Iglesias, Manuel Valiña López, Patricia Castro Tejada, Noelia Díaz Bruña, Luís Álvarez Rey, Jorge Campos Díaz, Eliseo López Paramo ou Jesús Valcarcel Pallares.
Unha lista que inclúe tamén a Carlos López Fernández, Cruz Castro López, Ismael Torres Balboa, Simeon Alfonso Gonzales Santiago, Victoria López Diaz, Carlos Alvarez Tejedor, María Teresa Limerez Darriba, Diego Fernández Álvarez e Belén Golas Armesto.
En canto aos membros natos, están Fernando Carlos Rodríguez, Jaime Íñiguez Martínez e Mario Castro Díaz de Novas Xeracións do PP local.
Traxectoria do presidente local
Ademais de ser o actual rexedor do municipio lucense dende a celebración das últimas eleccións municipais en maio de 2011, José Antonio García conta cunha dilatada traxectoria na política local, onde entrou como edil no ano 1999, sendo tamén alcalde entre 2003 e 2007.
Asemade, José Antonio García foi deputado autonómico no 2009, onde deixou a súa acta para ser rexedor nas locais de 2011; e actualmente tamén é membro da Xunta Directiva do PP de Galicia e coordinador da comarca de Sarria.
Nado no ano 1971 en Sarria, o actual alcalde do municipio, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é vogal da executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias e representante no Comité Asesor de Patrimonio do Camiño de Santiago.