O Incio, 12 de setembro de 2013.- O presidente do PP de O Incio, José Álvarez agradeceu esta mañá ao goberno de Alberto Núñez Feijóo os preto de 20.000 euros que achega a Xunta de Galicia para a recuperación e conservación dos espazos naturais neste concello, que forman parte da Rede Natura 2000.
“19.608,28 euros é a cuantía económica que a Xunta de Galicia destinará a distribuír entre o ano en curso e o 2014 para recuperar e conservar os espazos naturais de O Incio”- destacou o popular, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.
O popular lembrou que estas axudas teñen por obxecto financiar a execución de accións que permitan melloras nun triplo obxectivo.
“A mellora da paisaxe agraria e o desenvolvemento de usos recreativos, a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional e o mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns e outras de análoga ou semellante natureza dentro da Rede Natura 2000”- manifestou Álvarez.
Concluíu o popular afirmando que estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural, garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.