Partido Popular de Lugo

JULIA RODRÍGUEZ DEMANDA Á XUNTA REMATAR CANTO ANTES OS ACCESOS Á PLATAFORMA LOXÍSTICA DE MONFORTE E ACTIVAR O SEU DESENVOLVEMENTO COA IMPLICACIÓN DE XESTUR E DO IGAPE

Santiago, 12 de setembro de 2013.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira anunciou hoxe a presentación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a que leve a cabo as medidas necesarias para rematar canto antes os accesos e para activar o desenvolvemento da Plataforma Loxística de Monforte de Lemos, de forma conxunta e coordinada coa implicación de Xestur e do Igape para a súa promoción.

Julia Rodríguez sinalou que a promoción e desenvolvemento  desta infraestrutura “precisa dunha estratexia dirixida dende organismos especializados, coñecedores dos mercados, do sector da loxística e da mobilidade de mercancías”. Neste sentido, sinalou que “a Xunta dispón destes organismos especializados en solo empresarial que realizan o seu traballo de maneira eficaz, e así o acreditan os case cen parques empresariais creados e comercializados directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e as empresas públicas Xestur, que ocupan 20 millóns de metros cadrados”.

“A plataforma loxística do Porto Seco de Monforte será comercializada e promocionada pola sociedade pública Xestur-Lugo, en colaboración con outros organismos da Comunidade galega, dándoa a coñecer en todos os foros galegos, españois e internacionais nos que a actuación poida ser de interese, co obxectivo de captar os investimentos axeitados para a mesma”, sinalou a deputada popular.

NON SE PRECISAN ESTRUTURAS BUROCRÁTICAS

Ademais, Rodríguez indicou que este traballo de promoción realizado dende a empresa pública, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e outros organismos autonómicos “queda aberto á colaboración con outras institucións locais, provinciais ou estatais, así como á das entidades sociais, económicas e empresariais que teñan interese na mesma e cuxas propostas sempre serán ben recibidas”.

A deputada popular apuntou que, deste xeito, “non é precisa a creación dunha entidade como a que reclaman os socialistas galegos porque a Xunta actúa e actuará co impulso necesario para poñer en valor a importante inversión efectuada”.

“O Porto Seco de Monforte non precisa da creación de estruturas burocráticas, precisa que se rematen canto antes os accesos e precisa dunha xestión eficaz e dilixente de organismos especializados que coloque esta plataforma de forma efectiva nos mercados da loxística nacional e internacional, hasta convertela na realidade empresarial que todos desexamos, e que tanto precisa Monforte, a súa comarca e o sur de Lugo”, engadiu.