Partido Popular de Lugo

Ribadeo recibirá 9.000,00 euros da Xunta para tarefas de recuperación e conservación dos seus espazos naturais en rede Natura

Ribadeo, 10 de setembro de 2013.- O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, puxo, esta mañá, en valor, a achega da Xunta de Galicia para a recuperación e conservación dos espazos naturais neste concello mariñán, que forman parte da Rede Natura 2000.

“A Xunta de Galicia investirá 9.000,00 euros a distribuír entre o ano en curso e o 2014 para recuperar e conservar os espazos naturais de Ribadeo”- destacou Penabad, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.

O popular lembrou que a Rede Natura 2000 é un instrumento creado por unha Directiva da Unión Europea dirixido á conservación do medio natural, e a través do que se busca brindar a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego. A Rede Natura 2000 está conformada por dous tipos de áreas: zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e lugares de interese comunitario (LIC).

“Estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona”- lembrou o popular, quen engadíu que tamén están pensadas no mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.