Lugo, 10 de setembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de dirixir un escrito ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no que urxe a celebración dunha Xunta de Voceiros na que se dea conta da situación na que se atopa o proceso para que as pezas de Álvaro Gil continúen no Museo Provincial.
Os populares a través desta petición, na que participarían os voceiros dos tres grupos políticos con representación na Deputación Provincial de Lugo, quere coñecer de primeira man cal e a realidade desta situación e que iniciativas se están a promover dende o goberno lucense para que as pezas de importante valor patrimonial continúen en Lugo.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular urxen todas as xestións oportunas por parte tanto de José Ramón Gómez Besteiro como de Antón Veiga para que estas pezas sigan en Lugo. Deste xeito, os populares reiteran a súa posición na defensa do valor patrimonial da provincia e mostra o seu apoio a tódalas xestión que se promovan para manter o legado cultural en Lugo.
Con este fin, os populares xa pediron explicacións no seu momento e reiteran esta solicitude tralas novas publicadas en prensa e que veñen a evidenciar que a xestión promovida pola Deputación Provincial de Lugo non está a garantir un bo camiño que desemboque na continuidade das pezas no Museo Provincial.
Seis anos e ningunha solución
Os populares lamentan que o actual goberno bipartito da Deputación Provincial de Lugo durante seis anos non fose quen de sacar adiante os contactos e as medidas oportunas que permitisen un consenso cos herdeiros da familia de Álvaro Gil.
Segundo lembran dende o PP da Deputación, estábase ante un goberno que non estaba informado, nin documentado sobre un patrimonio do que eran responsables; e segundo parece, lamentan os populares, esta situación semella seguir igual.
Deste xeito, a través da xunta de voceiros o PP solicitará información sobre as medidas levadas a cabo e reiterará a súa colaboración, así os populares agardan que esta reunión sexa convocada en breve, xa que do contrario estaríase a amosar unha falta de preocupación por parte de Besteiro e Veiga.
Para os populares, non é permisible que esta falta de xestión do goberno provincial estea a reincidir de maneira moi negativa no diñeiro público dos lucenses, que serán os que deberán sufragar as costas xudiciais.