O Valadouro, 06 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular asegurou hoxe que os veciños do Valadouro están a verse na obriga de pagar os “caprichos particulares” da tenente de alcalde e edil de Udival, María Jose Fernández. Fan pública esta denuncia logo de comprobar que unha empresa privada presentou, a cargo do Concello, unha factura por valor de preto de 1.000 euros (924,5€) polos traballos realizados para que María José Fernández “puidera colocar a terraza do establecemento hostaleiro que rexenta no lugar que máis lle conviña”.
O PP explica que as obras, “que terán que pagar todos os veciños”, consistiron na eliminación na beirarrúa dun paso rebaixado para minusválidos e no borrado –mediante o seu pintado en negro- da metade dun paso de peóns. Ambas actuacións tiñan por obxecto, insisten desde o PP, acondicionar este espazo público para deixalo ao gusto de María José Fernández e da súa cafetería.
NOVA IRREGULARIDADE
Os populares do Valadouro alertan dunha nova irregularidade que afecta a a terraza, que xa no pasado provocou as queixas dos veciños das que se fixeron eco desde o Partido Popular, logo de que todo o mundo puidera comprobar como a primeira instalación da terraza incumpría a ordenanza municipal vixente que é de obrigado cumprimento para o conxunto dos veciños. Daquela as denuncias do PP non serviron –que se teña coñecemento- para que se sancionara á tenente alcalde, pero si, obrigáronlle a corrixir as deficiencias. Unha vez máis é posible que esta terraza sexa obxecto de polémica ante a gravidade da nova denuncia efectuada polo PP.
INTERÉS PARTICULAR
Os populares non entenden como é posible que unha obra “de interese e utilidade particular” da concelleira de Udival “teña que pagala o Concello”, e tampouco que se contrate a unha empresa privada para realizar estes traballos “cando no Concello hai persoal –traballadores de albanelería- que poderían realizar estas obras”.
En todo caso, denuncian o “uso interesado” que está a realizar a edil de Udival dos recursos municipais, e sinalan unha vez máis que María José Fernández “se cre por riba do ben e do mal”.
QUE O ALCALDE ACTÚE
Finalmente instan ao alcalde a que teña a valentía de actuar e non permitir as continuas extralimitacións da súa número dous, evitando que o Concello pague esta obra e, sobre todo, realizando as xestións que estime necesarias para sancionar este tipo de condutas, “xa que –conclúen- non se pode facer un uso interesado e persoal dos recursos públicos que con esforzo pagan todos os veciños a través dos impostos.”