Pol, 6 de setembro de 2013.- O alcalde de Pol, o socialista Lino Rodríguez, veuse na obriga de recoñecer que o persoal que traballa coa carroceta municipal foi seleccionado “a dedo”. As palabras do rexedor, admitindo estes feitos, e a irregularidade no proceso de selección, constan literalmente na acta do día 29 de xullo, aprobada no pleno de hoxe, día 6 de setembro, e que recolle o acontecido na última sesión plenaria municipal.
Desde o Partido Popular de Pol a súa presidenta e voceira, Ángeles Lenza, denuncia a gravidade destes feitos e sinala o incumprimento deliberado e consciente por parte do alcalde da normativa vixente en materia de contratación de persoal.
MÉRITO, CAPACIDADE E PUBLICIDADE
Lino Rodríguez non respecta os procesos de selección obrigados para as administracións públicas onde a normativa é moi estrita cando esixe obxectividade á hora de contratar de acordo cos principios de mérito, capacidade e publicidade, concretados nunha oferta municipal de emprego público, mediante convocatoria pública e a través dunhas probas obxectivas. Pola contra utiliza nomeamentos “dactilares”.
“O alcalde terá que explicar por que hai cidadáns de primeira e de segunda. Por que non realizou unha contratación transparente, e non sabemos os criterios seguidos para decidir as persoas que desempeñan estes traballos”.
Ángeles Lenza quixo aclarar que desde o PP non poñen en dúbida que as persoas que desempeñan o traballo na carroceta non teñan dereito a traballar pero sería necesario unha maior transparencia do Equipo de Goberno local e que todos os veciños desempregados e con formación e experiencia suficiente puideran ter as mesmas oportunidades á hora de optar aos postos de traballos municipais.