Navia de Suarna- 03 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Navia de Suarna, a través do seu voceiro, Jesús María Fernández López, vén de rexistrar unha moción plenaria na que instan ao pleno da corporación local a que reprobe a situación que está a denunciar o Grupo Provincial na Deputación de Lugo, en relación á trama de persoal do ente liberado ao servizo do BNG, que percibe un soldo do ente provincial, sen prestar as funcións polas que foron contratadas.
En concreto, os populares esixen o reintegro destes salarios indebidamente percibidos, así como instar ao pleno a que reprobe a situación descrita e esixen que se depuren as responsabilidades políticas oportunas, instando á dimisión do vicepresidente primeiro do ente, Antón Veiga, como máximo responsable destes feitos irregulares.
Neste senso, os populares explican que José Fernández deberá explicar se comparte a irregularidade que se están a dar na Deputación de Lugo e da que son responsables os seus compañeiros de goberno, dado que o edil é deputado provincial.
Durante o debate da moción, o grupo popular municipal explica que se evidenciará se Navia conta cun alcalde que antepón o “que está ben”, ou se pola contra, defende os intereses partidistas do equipo de goberno da Deputación Provincial, do que forma parte, ante un feito que é público e notorio.
Onde prestan os seus servizos os traballadores
Deste xeito, os populares esperan que José Fernández censure unha situación que conleva que traballadores da Deputación estean a percibir un soldo, sen levar a cabo as funcións polas que foron contratados. O PP municipal explica que é coñecido que estes traballadores cobran do ente, porén, o que “hai que matizar é onde está a realizar as súas funcións este persoal”.
As múltiples renuncias realizadas polo PP teñen servido polo momento para motivar unha corrección de erros pola que a Deputación, -con dous anos de atraso-, acorda modificar o nomeamento destas persoas e adscribilas, non a unha área de goberno, senón ao Grupo Provincial do BNG. Unha vez recoñecido este erro; o que está a denunciar o PP é, independentemente da área ou do grupo do que dependan, onde realizan as súas funcións uns traballadores que están a percibir un soldo do ente provincial.
A situación salpica a un ex edil de Navia
O alcalde de Navia de Suarna tamén se terá que posicionar ante a petición de devolución dos salarios indebidamente percibidos por un ex edil da local, -hoxe partido sen representación no municipio-, Xesús Méndez Rodríguez, que formalmente estivo adscrito a unha área de goberno mentres viña desempeñando funcións partidistas.
Xesús Méndez Rodríguez, segundo o seu nomeamento no 2011, era auxiliar de Cultura, que posteriormente tras a corrección de erros, foi adscrito ao Grupo Provincial do BNG. O traballador da Deputación no lugar de cumprir cos seus deberes no ente provincial, tal e como é público e notorio, en realidade está a realizar funcións ao servizo do BNG e forma parte da dirección das plataformas de afectados polas preferentes.