Partido Popular de Lugo

O GPP non entendería o voto en contra do bipartito provincial a unha moción proposta polo propio goberno da Deputación

O Grupo Provincial do Partido Popular presentará unha iniciativa plenaria para o seu debate na Deputación de Lugo e que tamén lle dará traslado aos concellos da provincia co obxecto de que o ente cree unha liña de axudas específicas que garanta a calidade das festas de interese turístico na provincia, seguindo os principios de universalidade e transparencia.

Así o anunciou esta mañá a voceira do Partido Popular na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, no transcurso dunha rolda de prensa na que estivo acompañada por deputados provinciais, así como por alcaldes e portavoces dos diferentes concellos lucenses nos que se celebra unha festa declarada de interese turístico galego, nacional ou internacional.

A voceira dos populares explica que o seu grupo “non entendería un voto en contra desta proposta por parte do bipartito provincial, xa que se trata da mesma iniciativa que eles trasladaron á Xunta de Galicia despois de cometer un erro ao dispoñer xa o ente autonómico dunha convocatoria destinada a este fin”.

“Aproveitamos ese nexo de unión que parece existir en relación a defensa das diferentes manifestacións festivas”, explica Candia, polo que “esperamos que a emoción que puxeron ao defender esta proposta no seu momento, a demostren agora, crendo no que din, e votando a favor desta iniciativa na próxima sesión plenaria”.

Redúcese a colaboración cos eventos de interese turístico

A Deputación Provincial de Lugo só garante no 2013 a colaboración, a través de subvencións nominativas, con dous dos 26 eventos declarados de interese turístico galego, nacional e internacional.

Unha situación que segundo os populares se remitiu tamén na pasada anualidade, o que conlevou a unha reducción na achega a través de subvencións nominativas que o ente lucense aporta aos concellos onde se celebran eventos de interese turístico, con respecto a época do anterior goberno do PP na Deputación de Lugo.

“Se ben é certo”, matiza Candia, “que colaboran con diferentes actos festivos a través de subvencións excepcionais”, di a voceira, pero “tamén é certo que o fan sen coñecermos os criterios que seguen”.

“Non colaboran coa festa da faba de Lourenzá declarada de interese turístico, mentres que si o fan con outros festexos para este mesmo fin, que non contan con esta distinción”, exemplifica a popular, quen engade que seguen criterios bastante criticables como que lle outorguen a un concello 63.000 euros para as patronais do seu concello, “cando en todos os municipios se celebran as festas do pobo e se reducen as axudas as festas de interese turístico”.

A popular matiza que “reivindicamos unha liña de axudas que non sigan as cores políticas e que se rexan por criterios de obxectividade, garantindo as axudas a todas as festas declaradas de interese turístico”.

A administración conta coa dotación orzamentaria

A Deputación non se pode escudar en que non ten competencias ou en que carece de dotación orzamentaria para colaborar con estes eventos, cando conta cunha Área de Cultura e Turismo, que manexa nos orzamentos de 2013 unha contía superior aos 800.000 euros para a promoción turística, así como 125.000 euros para festas populares e festexos.

Unha contía, que segundo os populares, se debe repartir seguindo uns criterios claros e preestablecidos, que garanta a colaboración con todos os eventos que dispoñen da distinción de interese turístico e que permiten pór en valor a cultura propia arraigada que se amosa ao visitante.

O goberno bipartito da Deputación de Lugo non optimiza estes fondos, critican os populares, tanto é así que no Plan Estratéxico de Subvención de 2011, Intervención asegura que as actividades subvencionadas teñen unha finalidade que non reviste proxección ao longo prazo, polo que se observa a necesidade de potenciar a estrutura produtiva dos principais sectores da economía da provincia, o agrícola, o gandeiro e o pesqueiro.

Asemade, deixaron sen gastar, segundo explican os populares máis de 140.211 euros na Área de Turismo e 11.000 en presidencia para colaborar con eventos e actividades de feiras, mercados e comercio en xeral.

Polo tanto, os populares só piden que a Deputación Provincial de Lugo, en coherencia co que defenden, creen esta liña de axudas baseada en principios de igualdade e universalidade, e que todas as festas declaradas de interese contén coa súa achega por parte da Deputación de Lugo.