O popular José Pardo Lombao convértese no único postulante á presidencia do PP local de Outeiro de Rei, despois de que o pasado 28 de agosto se cerrase o prazo para a presentación de candidaturas a liderar a formación local.
O que é o actual presidente do Partido Popular de Outeiro aspira agora a seguir liderando a agrupación local. Así, a militancia poderá escoller de xeito directo á nova dirección durante o congreso local, cuxa celebración está prevista para o próximo 12 de setembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Outeiro de Rei.
Ademais de ser o actual rexedor do municipio lucense dende o ano 1997, José Pardo conta cunha dilatada traxectoria na política local, onde entrou como edil fai 30 anos, concretamente no 1983.
Asemade, o popular leva 16 anos como alcalde do municipio de Outeiro de Rei, con maioría absoluta, ostentando actualmente oito dos once edís que ten a corporación municipal.
Nado no ano 1955 en Outeiro de Rei, o actual alcalde do municipio é empresario no sector agrario, e ademais coordinador de Medio Rural no PP provincial.