O popular José Antonio García López convértese no único postulante á presidencia do PP local de Sarria, coa presentación de máis do dobre dos avais presentados, despois de que onte se cerrase o prazo para a presentación de candidaturas a liderar a formación local.
O que é o actual presidente do Partido Popular de Sarria dende o ano 2009, aspira agora a seguir liderando a agrupación local.
Así, a militancia poderá escoller de xeito directo á nova dirección durante o congreso local, cuxa celebración está prevista para o próximo 13 de setembro, ás 21:00 horas, no Hotel IX de Sarria.
Ademais de ser o actual rexedor do municipio lucense dende a celebración das últimas eleccións municipais en maio de 2011, José Antonio García conta cunha dilatada traxectoria na política local, onde entrou na política municipal como edil no ano 1999, sendo tamén alcalde entre 2003 e 2007.
Asemade, José Antonio García foi deputado autonómico no 2009, onde deixou a súa acta para ser rexedor local nas locais de 2011; e actualmente tamén é membro da Xunta Directiva do PP de Galicia e coordinador comarcal de Sarria no Partido Popular de Lugo.
Nado no ano 1971 en Sarria, o actual alcalde do municipio, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é vogal da executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias e representante no Comité Asesor de Patrimonio do Camiño de Santiago.