Partido Popular de Lugo

Pablo Taboada convértese no único candidato á presidencia do PP local

O popular Pablo Taboada Camoira convértese no único postulante á presidencia do PP local de Palas de Rei, despois de que onte se cerrase o prazo para a presentación de candidaturas a liderar a formación local.

O que é o actual presidente do Partido Popular de Palas dende a celebración do último congreso en febreiro de 2009, aspira agora a seguir liderando a agrupación local.

Así, a militancia poderá escoller de xeito directo á nova dirección durante o congreso local, cuxa celebración está prevista para o próximo 5 de setembro no municipio de Palas de Rei.

Ademais de ser o actual rexedor do municipio lucense dende a celebración das últimas eleccións municipais en maio de 2011, Pablo Taboada conta cunha dilatada traxectoria na política local, onde ocupou durante anos a acta de concelleiro, sendo a maiores, entre os anos 2007 e 2011, o tenente de alcalde.

Nado no ano 1971 en Palas de Rei, o actual alcalde do municipio cursou estudos de empresariais na Universidade de Santiago de Compostela e é funcionario da Administración Local dende o ano 1994.