Partido Popular de Lugo

O PP de Becerreá lamenta que Martínez dea as costas aos usuarios do SAF do seu concello no lugar de implicarse para que a Deputación cumpra a normativa vixente

A voceira do PP en Becerreá, María Jesús Roldán, lamenta que o rexedor local, Manuel Martínez, falte á verdade para escudar a súa despreocupación cara os máis necesitados do seu concello. A popular fai estas declaracións en relación a actitude do voceiro do PSOE na Deputación, que semellan non importarlle as necesidades dos veciños, ao darlle as costas aos usuarios do SAF no lugar de implicarse para que a Deputación Provincial de Lugo cumpra coa normativa vixente en materia de benestar .

A popular asegura que o descoñecemento en materia de Servizos Sociais é do propio voceiro do PSOE na Deputación de Lugo, que se esquece que a normativa en servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito da Xunta de Galicia no ano 2008, e que establece un blindaxe no estado de Benestar co compromiso das administracións autonómica, provincial e local.

Así, María Jesús Roldán denuncia que Manuel Martínez forme parte dun goberno que elude as súas responsabilidades reguladas por lei, tal e como se recolle no decreto que desenvolve a normativa e na que establece a obriga das Deputacións de financiar o custe do Servizo Básico de Axuda no Fogar, naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Os populares lamentan que o seu concello estea gobernado por un alcalde que prefire avalar accións que incumpren a lei no lugar de preocuparse polas persoas máis necesitadas. A voceira popular lamenta que serán os maiores e dependentes de Becerreá os que se vexan prexudicados por unha subida no custo do servizo de axuda no fogar.

O PP pídelle a Martínez que non falte á verdade

Ante esta situación, María Jesús Roldán pídelle a Manuel Martínez que non falte á verdade e que traballe, como voceiro provincial do PSOE, para que os veciños de Becerreá teñan garantido o SAF, no lugar de instalarse na insumisión, converténdose en membro do goberno da única Deputación galega que se nega a colaborar coa administración autonómica, poñendo escusas para non asinar o convenio de servizos sociais coa Xunta de Galicia.

“Non é permisible que se falte á verdade nunha área tan sensible e importante como benestar”, matiza María Jesús Roldán, xa que a Deputación de Lugo só cubre unha media do 17% do servizo, deixando esquecidos aos restantes dos usuarios.

Por último, os populares non entenden que o rexedor local priorice a defensa da Deputación antes dos veciños do municipio, que se ven obrigados a pagar máis polo SAF