Partido Popular de Lugo

A vagancia de Federico Gutiérrez priva aos riotortenses dunha residencia da terceira idade

O PP de Riotorto lamenta que a vagancia e polo tanto mala xestión do alcalde nacionalista, Federico Gutiérrez, castigue aos veciños sen a dotación dun servizo de residencia da terceira idade. A devolución do préstamo solicitado para a adquisición dos terreos onde se levantaría a edificación demostra que o BNG de Riotorto renuncia a loitar por un centro para maiores na localidade.

Así o puxeron de manifesto os populares, quen aseguraron que se o alcalde cumprira coas súas funcións e fixese as xestións oportunas sería posible que Riotorto contase cunha residencia, ao igual que terán outros concellos como Trabada ou Pol.

“Nos bares non se fan as xestións, hai que desprazarse ata as institucións, e iso faino poucas veces”, matizan os populares en relación coa actitude de Federico Gutiérrez a quen tachan de “vago e despreocupado polos intereses locais”.

Anclados na mentira

Os populares de Riotorto acusan aos nacionalistas locais de estar “anclados na mentira” así como de “enganar aos veciños”. Deste xeito, lembran que o propio alcalde durante o pregón da Feira do Ferro do ano 2012 anunciara que os terreos para a edificación da residencia xa foran mercados, cando un ano despois aproban en sesión plenaria a devolución do préstamo concedido para a adquisición dos terreos por un importe de 110.000 euros.

Os populares consideran que esta devolución se debera ter feito con anterioridade xa que segundo explican dende o PP de Riotorto “era visto que a residencia non se ía facer, e que esta situación se trataba dunha promesa electoral”.

Ante esta situación, o PP local considera que o goberno de Riotorto debe pedir desculpas e asumir responsabilidades, tendo en conta que este préstamo solicitado no ano 2010, supuxo un intereses aproximados de 22.000 euros, custo que tiveron que asumir todos os veciños.

 

Ocultan información

Os populares tamén acusan a Federico Gutiérrez  de dificultar a súa labor fiscalizadora e de control do goberno ao negarlles acceso ao expediente de adquisición dos terreos, o que segundo o PP de Riotorto “evidenciaba que algo se ocultaba e que as cousas non se fixeran ben”.

O PP de Riotorto explica que no expediente da Deputación Provincial, -ente encargado de construír e xestionar as residencias-, existía un informe de Suplusa –dependente do ente lucense- no que se recollía que ningunha das tres ofertas de terreos realizadas polos propietarios cumpría os requisitos para construír a residencia.

Ante isto, os populares critican que o nacionalista, coñecedor deste informe negativo, propuxera a compra dun terreo determinado, co único obxecto de quedar ben ante os propietarios e eludindo as as súas responsabilidades.

Así, os populares tachan ao alcalde de Riotorto de irresponsable, de ocultar información e de mentirlle aos veciños, supoñéndolle un custe aproximado de 22.000 euros as arcas municipais.