Partido Popular de Lugo

O GPP esixe a comparecencia inmediata de Besteiro para que explique a trama dos asesores do BNG e a xestión do KM0 dentro da súa área de Presidencia

Lugo 9-8-2013. A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada de varios deputados provinciais, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa, para pedir en nome de todo o Grupo Provincial Popular a comparecencia de José Ramón Gómez Besteiro para que explique, de maneira urxente, a trama de asesores do BNG e a xestión do KM0 dentro da súa área de presidencia.

“Os membros do Grupo Provincial do Partido Popular esiximos a comparecencia, inmediata, do presidente do Organismo Provincial co fin de que aclare e de explicacións aos lucenses de feitos de gran calado que están a acontecer nesta Deputación”- manifestou Candia.

A voceira do GPP denunciou que se descoñece por completo a postura e a información do máximo responsable da Deputación, ante asuntos de gran importancia e que son coñecidos por todos.

TRAMA DOS ASESORES DO BNG

Elena Candia denunciou que o GPP descubríu a existencia dun traballador, que estando nomeado e contratado para facer o seu traballo na Deputación Provincial de Lugo, concretamente adscrito a área de cultura, turismo, ensino e normalización lingüística e patrimonio histórico, non desempeñaba funcións nese posto e o seu lugar e a súa responsabilidade estaba na sede do BNG de Foz.

Candia lembrou que preguntado por esta circunstancia na sesión plenaria provincial, o Equipo de Goberno felicitouse desa circunstancia, nun exercicio carente de toda humildade, deixando constancia diso na súa correspondente área.

Neste senso a voceira do PP na Deputación, afirmou que, paralelo e mostra evidente de que esa circunstancia non debía ser tan merecedora de eloxios, o Equipo de Goberno da Deputación de Lugo iniciou un procedemento de corrección de erros para adscribir a ese traballador no Grupo Provincial do BNG.

“Xunto a este proceso de corrección de erros, inícianse outros tres máis de traballadores que estaban en iguales circunstancias”- manifestou Candia, quen engadíu que se trata de procesos públicos que tódalas persoas podemos comprobar se ollamos o Boletín Oficial da Provincia de data 11 de xullo.

A popular manifestou que “compre facer unha mención temporal e retroceder as seguintes datas: ao 23 de agosto do 2011 onde se publica o nomeamento do asesor adscrito á area de cultura; ao 7 de xuño do 2013 onde se mostra que o PP pregunta en pleno sobre a situación laboral deste traballador e ao 17 de xuño do 2013, cando se asina por decreto a rectificación da súa adscrición a outra área, e xunto con el rectificase a situación de outras 3 persoas mais”.

PREGUNTAS A BESTEIRO

Ante esta situación, Elena Candia pregúntalle a Gómez Besteiro, cómo máximo responsable da Institución Provincial, se coñecía esta incorrecta adscrición e se foi cómplice da mesma; qué opinión lle merece esta situación e se o responsable directo, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Veiga, actúa co seu amparo?

Asemade, Candia tamén formula a Besteiro se comparte o feito de que se pague durante 2 anos a unhas persoas por unhas funcións para as que foron contratadas pero sen desenvolver ese traballo.

KM 0

A voceira do PP na Deputación de Lugo puxo tamén de manifesto que  o GPP ten coñecemento de que un xulgado de Lugo está a investigar presuntas comisións de feitos delictivos nunha área de goberno do Señor Besteiro; trátase do Servicio de Protocolo e a xestión do controvertido programa propagandístico, KM0 , que esta a ser investigado polos Tribunais.

“Con claridade o GPP expón que por suposto non quere facer xuizos paralelos, polo que ante todo, presunción de inocencia e máximo respecto á xustiza”- manifestou antes de nada Elena Candia, quen engadíu, acto seguido, que “nos estamos aquí para controlar a acción de goberno e desde logo, esixir explicacións políticas”.

Elena Candia manifestou que estamos a falar dun feito indiscutible,  dunha situación que derivou nun Tribunal e lembrou que o PP en sesión plenaria do pasado mes de maio plantexou a creación dunha comisión de investigación e que o Sr. Besteiro e os seus socios de goberno rexeitaron.

Ante esta situación a popular pregúntase por qué Gómez Besteiro non quere que os lucenses saiban a verdade do que está a pasar na área de presidencia e por qué non explica aos cidadáns se era coñecedor da situación vivida na súa área e qué medidas adoptou para solventalas.

Concluíu Elena Candia insistindo, que ante a irresponsable ausencia do Señor Besteiro, quen dende fai meses só aparece para dar titulares na súa xestión interna de partido, o Grupo Provincial Popular pide a urxente comparecencia do presidente da Deputación para dar explicacións posto que a gravidade dos feitos así o esixe e senón o fai, e de maneira urxente, os populares adoptarán tódalas medidas ao seu alcance, tales como a solicitude dun pleno extraordinario e incluso non descartan a personación en algún dos asuntos xurídicos pendentes, nin tampouco por en coñecemento dos Tribunais, en calidade de denunciantes, algúns dos feitos adscritos.