Partido Popular de Lugo

O PP de O Incio lamenta a situación que están vivindo os veciños de Vilasouto debido a nefasta xestión da señora Celeiro

O Incio, 8 de agosto de 2013.- Logo das declaracións verquidas pola Señora Celeiro no tocante a situación de falta de auga que están a vivir os veciños da parroquia de Vilasouto e o inminente abastecemento dos mesmos a través dunha cisterna de 9.000 litros alugada polo Concello, o presidente do PP de O Incio, Jose Álvarez, lamentou ter chegado a esta situación que non é outra  mostra máis do vimos denunciando dende fai tempo: a pasividade da rexedora e falta de xestión e previsión absoluta.

“A Sra. Celeiro ten que lebrar que esta situación que están a vivir os veciños da parroquia de Vilasouto non é nova nin circunstancial, motivada polo aumento de población en verán, como pretende facer ver, senón que é unha situación inadmisible que xa se denunciou polos veciños mediante escrito de data 16 de Xuño de 2013, pero  que xa ven de meses atrás   padecendo durante todo este tempo as consecuencias de falta de auga suficiente para cubrir as súas necesidades básicas”.

Lembra o popular que esta situación, xa foi denunciada polo  Grupo Popular de O Incio, en varias ocasións, presentándose incluso na sesión plenaria municipal, celebrada o día 5 de Xullo de 2013, unha moción na cal se lle pedía  á Sra. Celeiro entre outras cousas “que de xeito inmediato se poña solución a través dos medios que considere oportunos, á situación lamentable e inadmisible que están a vivir os veciños da parroquia de  Vilasouto sen subministro de auga potable e sen poder atender ás necesidades básicas de alimentación, hixiene, etc”.

Moción, que a pesar da oposición do PSOE, foi aprobada grazas ós votos a favor do Grupo Popular e a abstención do BNG e CDL,  pero á que se fixo caso omiso polo Equipo de Goberno durante todo este tempo desprezando así as necesidades dos veciños e incumprindo unha vez máis,  os acordos do Pleno”- lembrou Álvarez.

Denuncia o popular que malia as denuncias dos veciños no mes de Xuño  e da moción presentada polo Grupo Popular e aprobada en Pleno de 5 de Xullo, tivo que ser a insostenibilidade da situación a que levou agora a Sra. Celeiro, logo de varios meses dende que a situación xa era manifesta, a anunciar que vai subministrar auga ós veciños a través dunha cisterna na medida en que sexa necesario.

“É totalmente denunciable que houbera que chegar a esta situación extrema para os veciños, provocada por unha mala xestión, e  que sen dúbida causa agora unha serie de gastos importantes ás arcas do Concello en alugueres etc…  cando tanto estes gastos como a situación que os motiva se podía haber evitado se este problema do subministro de auga potable á parroquia de Vilasouto se houbera xestionado coa debida dilixencia  dende o ano pasado cando o problema xa era evidente”- denunciou o Jose Álvarez quen engade que unha vez máis a Sra. Celeiro estivo demorando inxustificadamente a solución desta temática malia ao malestar dos veciños e dos continuos escritos deste Grupo reclamándolle unha solución ó longo de todo este tempo.

Conclúe o popular que se agora, a señora Celeiro, vai a subministrar auga ós veciños de Vilasouto, pedímoslle que o faga de xeito que se garanta a súa potabilidade e non como o fixo en veces anteriores a través de cisternas dedicadas a outros usos que non están homologadas para o subministro de auga potable.