Rábade, 2 de agosto de 2013.- Logo de que na sesión plenaria municipal do pasado mes de xullo, o PP presentase unha moción de urxencia solicitando unha ampliación da subvención outorgada polo Grupo de goberno á Asociación Músico Crisanto, e que era unha das propostas populares para negociar os orzamentos municipais, e que non foi tida en conta naquel momento pola Alcaldía, a presidenta e voceira do PP de Rábade, María Luisa Macía, anunciou que o seu partido ven de rexistrar esta mesma moción para debater no vindeiro mes de setembro.
María Luisa Macía dixo ser consciente da difícil situación que estamos a pasar e que afecta a tódolos ámbitos pero afirmou que tamén supón priorizar e lembrou o recente orzamento municipal aprobado, que recolle 552.000€, o que supón un 45% deste en partidas que van sen concretar.
A presidenta e voceira do PP de Rábade destacou a gran labor que está a desenvolver a Asociación Músico Crisanto, unha formación da que dixo que supón un valor de promoción e educación dos mozos e mozas de Rábade e comarca, e que ten que ter un gran respaldo por parte do noso Concello.