Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso pide a creación e urxente posta en marcha dun plan municipal de emprego

Monterroso 1-8-2013.- A voceira do PP de Monterroso, Pilar Varela, rexistrou esta mañá unha moción para o seu debate no vindeiro pleno, no que os populares locais propoñen a creación e posta en marcha, de maneira urxente, dun plan municipal de emprego, que facilite a incorporación socio laboral dos desempregados do municipio.

A popular considera que os representantes políticos “temos que artellar diversos mecanismos e levar a cabo distintas actuacións en materia de emprego co obxectivo de paliar os efectos do paro nas familias da localidade”.

Pilar Varela afirmou que o PP pedirá a creacción e posta en marcha urxente dun plan municipal de emprego que facilite a incorporación socio-laboral das veciñas e veciños en situación de paro no municipio, establecendo para elo distintos apoios que, como mínimo deben incluír, dende a contratación directa de novo persoal, ata incentivos á contratación por parte de empresas e autónomos de persoas empadroadas no municipio de Monterroso.

Engadíu a popular que “temos na nosa man impulsar iniciativas que dean solución a esta problemática tanto de maneira temporal, como estrutural, á hora de incentivar a recuperación económica e a volta á senda da creación de emprego estable e de calidade”.

Así, “as administracións públicas, independentemente de que as goberne deben traballar nesta liña e deben mostrar os seus compromisos especialmente neste momento á hora de destinar os recursos económicos necesarios para poñer en marcha accións de caracter urxente que poidan axudar a aqueles veciños desempregados que se atopan nunha situación vulnerable”.

Deste xeito, os populares de Monterroso puntualizan na moción que o Concello realice as modificación de créditos orzamentarias que precise para materializar este plan de emprego.