O Grupo Municipal do Partido Popular de Pol alertou hoxe do sobrecusto que para as arcas locais supón a privatización do servizo de socorrismo na piscina municipal. Os populares explicaron que ao Concello sáelles moito máis caro contratar a unha empresa privada para que preste estes servizos que si tivera decidido facelo directamente, contratando aos socorristas como persoal municipal.
O Grupo Municipal Popular estima que estamos a falar de entorno a 2.000 euros de encarecemento polos dous meses de funcionamento das piscinas e sinalan que esta fórmula –a contratación dunha empresa privada para que sexa ela quen seleccione aos socorristas- non se tiña empregado con anterioridade, xa que logo ata o de agora o servizo era cen por cen público.
ELUDIR UN PROCESO DE SELECCIÓN PÚBLICO
O Partido Popular sospeita que a intención do rexedor socialista, Lino Rodríguez, era a de evitar ter que realizar un proceso de selección público, con todas as garantías e esixencias obrigadas por este, en resume, realizar a contratación dos traballadores municipais conforme aos principios de publicidade, mérito e capacidade.
Dáse a curiosa circunstancia ademais de que o alcalde veuse na obriga de rectificar: Nun primeiro momento contratou aos socorristas como persoal municipal –estiveron un día de alta- e despois, anulou esas contratacións e decidiu privatizar o servizo a través dunha empresa.