A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, explicou hoxe en sesión plenaria do ente que as cifras económicas das que está a presumir o equipo de goberno provincial están baseadas en incumprimentos de competencias.
Candia comprobou a súa afirmación a través da lectura dunha serie de datos económicos, que evidencian que a situación orzamentaria que vende Gómez Besteiro derivase de “deixar en papel mollado as promesas recollidas nas planificacións orzamentarias anuais”.
Neste senso, a popular referiu ao baixo grao de execución na área de Benestar Social durante o Plan Estratéxico de Subvencións de 2011, onde dispoñían de máis de 2,5 millóns de euros, e quedando un saldo a favor da Deputación de 140.211,83. “É cando menos criticable que unha Deputación presuma dos seus datos económicos cando incumpre unha lei de servizos sociais, que eles mesmos aprobaron –o bipartito na Xunta-”, explicou Candia, e deixando así desamparados aos concellos ao non cubrir, por exemplo, durante 2013 o 84% do custe do servizo de axuda no fogar.
Mostra da súa preocupación polos entes sociais, os populares interesáronse en pleno polos convenios que a Deputación Provincial de Lugo debería ter firmado con asociacións que traballan na área social e que a día de hoxe non se materializaron, tendo un total descoñecemento sobre se estas axudas se levarían a cabo.
“Os lucenses sen Deputación”
“Os lucenses non teñen Deputación”, así os manifestaron os deputados provinciais do PP, tras a sesión celebrada hoxe. “É incrible que un presidente provincial non escatime en votar dúas veces en contra de que se subsanen unhas deficiencias no servizo de rutas nos catamaráns”, así o explicou a popular Elena Candia.
A voceira asegurou que o seu grupo non entende o porqué o bipartito provincial se nega a mellorar o servizo cando “eles mesmos en sesión plenaria do 30 de outubro de 2012 se comprometeran a facelo”, en resposta a unha iniciativa plenaria presentada polos populares.
“Temos unha Deputación que incumpre coas súas competencias, que non atende as reivindicacións dos veciños”, resume Candia, pero que “si se encarga de utilizar mentiras para atacar o traballo promovido pola Xunta en materia agrogandeira”, concluíu a popular, en relación a proposta presentada polo equipo de goberno sobre a colaboración de Medio Rural co sector.
Os populares aseguran que non puideron apoiar unha proposta na que se recollían datos falsos, cando a Consellería de Medio Rural está a amosar unha forte aposta por manter a capacidade do sector primario. “O PP non entra a practicar triunfalismos no sector privado, pero lamenta a demagoxia do equipo de goberno provincial ante a situación difícil que están a vivir os gandeiros”
Mentiras que tamén profesaron durante a moción vinculada co persoal do Sergas, e durante a que o popular Fernando Pensado recordou que Lugo é prioritario para a Xunta de Galicia en materia de sanidade e referiu así ao hospital de Lugo considerado o mellor de Galicia e o sétimo mellor de Europa.
Erros na xestión e nas propostas
O PP pide como mínimo desculpas ao equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo trala actitude “altiva e enfadada” que amosaron deputados do PSOE e do BNG durante o debate da moción presentada polos populares e na que o propio goberno provincial recoñeceu un erro no nomeamento de Xoán Antón Estua, que estaba realizando labores políticas, cando estaba adscrito a unha área de goberno.
Este erro evidencia “nas mans de quen estamos”, explicaron os populares, e pon de manifesto a un goberno que promove unha xestión con “falta de rigor e de control”.
Un feito, este último, que segundo os populares tamén se puxo de manifesto coa petición trasladada polo BNG provincial que solicitaba a anulación de expedientes sancionadores ás persoas que reciben pensións de países estranxeiros, ao non declarar esta renda. Un acordo que segundo os populares conleva un delito, así pediron explicacións ao goberno provincial sobre que era exactamente o que querían facer.
En resumo, os populares durante a sesión plenaria ofreceron unha aportación construtiva ao réxime impositivo desta renda, pero manifestáronse críticos coa actitude dos socialistas e nacionalistas, cando a obriga de manifestar estas rendas vén imposta por unha lei da época dun goberno socialista. “Esquécense dos problemas cando están no goberno e tras xeralos eles mesmos, despois utilízanos como xogo político cando están na oposición”, conclúen.