Partido Popular de Lugo

Jorge García: “É necesario que os orzamentos locais conteñan algunha partida destinada a incentivar a creación de postos de traballo”

O voceiro do Partido Popular na Pontenova, Jorge García, considera “necesario” que os orzamentos locais presenten algunha partida destinada a incentivar  o emprego no municipio. Así, co obxecto de implicar á administración municipal na dotación de postos de traballo, o Grupo Popular da Pontenova vén de rexistrar unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria e na que insta ao equipo de goberno do Concello a que cree un plan de emprego municipal.

Jorge García realza a importancia da implicación do Concello na creación de emprego como “institución máis próxima ao cidadán” e polo tanto, engade o popular, “tenlle que axudar aos veciños nos seus problemas do día a día, sendo hoxe en día unha das máximas preocupacións a de facerlle fronte aos elevados índices de persoas en paro”.

O voceiro presenta esta iniciativa tras que o alcalde socialista desatendera en varias ocasións ás peticións dos populares nas que urxían e propoñían medidas orientadas a crear postos de traballo, “que vaian dirixidos a quen máis os necesita e á vez que axuden aos negocios locais, para os que tamén lles será moi vantaxoso contratar a alguén da localidade en vez de fora e que encima lles sexa rendible”, puntualiza.

O PP procurou en reiteradas ocasións a implicación do Concello na creación de emprego

Jorge García explica que as últimas actitudes postas de manifesto polo alcalde da Pontenova evidencian que o socialista “fai oídos sordos as demandas dos veciños trasladadas polo PP” ao negarse en varias ocasións a crear partidas dentro dos orzamentos municipais “que estivesen dirixidas ao fomento do emprego no concello, sobre todo entre aqueles veciños máis necesitados”.

O popular explica que o seu grupo votou en contra dos orzamentos 2012 e 2013, entre outros motivos, porque sendas planificacións de gasto para as respectivas anualidades non incluían ningún fondo dirixido ao fomento do emprego ou a incentivar o comercio, así como as pequenas e medianas empresas do municipio.

O voceiro reivindicou en varias ocasións a  implicación do goberno local na creación de postos de traballo, realzando a importancia de xerar emprego “entre os máis novos que permita asentar a xuventude no noso concello”.

Propostas dos populares

Tras a negativa do alcalde socialista de atender a esta demanda durante o debate dos orzamentos, os populares rexistran agora unha moción dirixida a fomentar o emprego xuvenil, en particular, así como o do resto da poboación en xeral.

“Consideramos imperdoable que o alcalde dea as costas aos veciños e non atenda as peticións dos máis novos que queren traballar”, explica Jorge García, polo que, “vemos obrigado reivindicar  a colaboración do goberno local” e para elo “presentamos esta iniciativa plenaria dunha maneira seria e construtiva, aportando ideas que reincidan no ben colectivo”.

Deste xeito, o PP da Pontenova na súa moción concreta que o plan de emprego que propoñen debe incluír, como mínimo, apoios que van dende a contratación directa do persoal, ata incentivos á contratación por parte de empresas e autónomos de persoas empadroadas no municipio.