A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, manifestou a súa sorpresa ante a actitude do presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que non escatimou en votar dúas veces en contra de corrixir as deficiencias na xestión das rutas de catamarán polo ríos Miños e Sil, que están a reclamar os usuarios, asociacións e negocios locais.
A voceira dos populares explicou que foi o voto de calidade de Gómez Besteiro o que segue a castigar ao sector da Ribeira Sacra tras negarense tanto os deputados nacionalistas como socialistas a cumprir co acordo que aprobaran en sesión plenaria do 30 de outubro de 2012.
Dunha maneira máis concreta, os populares lembran que na iniciativa que presentaron para o seu debate na sesión plenaria de hoxe urxían que se subsanaran, de maneira inmediata, as deficiencias existentes na xestión das rutas de catamarán polos ríos Miño e Sil, dando así resposta ás demandas trasladadas polo sector e cumprindo co compromiso asumido en sesión plenaria do 30 de outubro de 2012, tras o rexistro doutra iniciativa plenaria por parte dos populares.
A voceira popular tacha de “incrible” as declaracións vertidas polos nacionalistas e socialistas que “sen argumentos, aseguraban que non existían tales deficiencias” que o propio sector recoñecede en escritos enviados a Deputación e que o mesmo bipartito provincial se comprometeu a corrixir no pleno de outubro de 2012.
“É lamentable”, engade Candia, que o goberno provincial “desatenda así as demandas dos veciños da Ribeira Sacra”, e que se se negue a “subsanar o que se comprometeran a facer”.
Reivindicacións
A voceira do PP lembra que as reivindicacións concretas que trasladara o PP e que o bipartito provincial se comprometera a darlle resposta en outubro de 2012 resúmense na mellora da atención telefónica e on-line aos cidadáns; así como en establecer unha reunión de traballo na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada para replantear rutas suspendidas, planificar paradas de obrigado interese e mellorar a sinalización e adecuación do entorno.
Tanto é así que a evidente “desidia” do PSOE e do BNG provincial incrementouse, -segundo os populares-, cando o PP lle propuxo a Gómez Besteiro que “de ter vontade, pero non saber facelo”, establecera unha comisión de traballo, na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada, e na que se deseñe un programa –planificación de paradas, posta en funcionamento de infraestruturas, mellora na atención aos usuarios e na sinalización e adecuación do entorno…-, dando así resposta a todos os implicados e sendo aceptado dito resultado como vinculante.
Situación insostible
Esta última proposta tampouco foi aceptada polo equipo de goberno evitando que se solvente unha situación que é insostible a día de hoxe e a repercusión sobre o turismo é moi evidente froito das importantes deficiencias existentes.
A popular explicou que cada vez son máis os escritos trasladados a Área de Cultura e Turismo tanto por parte do sector, como de asociacións, establecementos hostaleiros e o propio Grupo Popular nos que demandan unha mellora no servizo e refiren a deficiencias como a supresión de rutas, a redución de paradas en áreas recreativas –Illa de Maiorga-, ao peche de clubs náuticos en temporadas altas de turismo e a mala atención ao usuario.
Unhas reivindicacións que non parecen importarlle a Gómez Besteiro e que inclusive dende o equipo de goberno chegan a negar a súa existencia.
Compromiso popular
Ante esta situación descrita, o Grupo Provincial do Partido Popular manifesta a súa pretensión de continuar na loita de que se mellore esta situación e iniciará unha campaña de recollida de sinaturas co obxecto de instar ao goberno Provincial a que comece a traballar.
Así mesmo, dado as repercusións negativas que esta situación está a xerar nos establecementos e no sector turismo; o Grupo Popular, como xa anunciu, tamén valorará unha posible reclamación patrimonial polos danos e prexuízos causados.