Partido Popular de Lugo

Barreiro agradece a “dedicación, esforzo e o moito e bo traballo” desenvolvido nos últimos anos por González Madarro logo do anuncio da súa retirada como portavoz e presidente do PP de Becerreá

O presidente do Partido Popular na provincia de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Jose Manuel Barreiro tivo palabras de agradecemento e quixo poñer en valor a  “dedicación, esforzo e o moito e bo traballo” desenvolvido nos últimos anos por Antonio González Madarro no transcurso da rolda de prensa que tivo lugar na mañá de hoxe e na que se deu conta da renuncia deste último como presidente e portavoz do Partido Popular de Becerreá.

González Madarro, -arroupado e acompañado polo propio Jose Manuel Barreiro e polo secretario provincial, Jose Manuel Balseiro- anunciou a súa retirada da actividade política municipal “de feito consensuado co partido e por motivos persoais”, para poder centrar os seus esforzos nos seus proxectos profesionais. “Cada vez é máis complicado compatibilizar a miña actividade laboral coa vida política e teño que elixir entre unha e outra”-explicou

Barreiro lembrou que baixo o liderado de González Madarro o Partido Popular conseguiu ampliar o seu respaldo electoral e de feito nas últimas eleccións locais incrementou de 3 a 5 o número de concelleiros populares o que supuxo ter o mesmo número de edís que o PSOE, partido que mantén a alcaldía, en minoría, pola abstención do único concelleiro do BNG. Ademais, con el como presidente local, os populares de Becerreá foron a forza máis votada neste concello nas eleccións xerais de 2011 e nas autonómicas de 2012.

González Madarro deixa o camino libre para un novo líder da agrupación local que, segundo explicou Barreiro, “se decidirá nos vindeiros meses nun Congreso local”. De feito a Dirección provincial iniciará os trámites oportunos para a convocatoria da cita congresual encargada de designar a nova dirección local e, entre eles, a persoa que ocupará a presidencia do PP e a portavocía do Grupo Municipal Popular.

González Madarro explicou que a situación do partido é “de absoluta normalidade” e tivo palabras de recordo e agradecemento aos veciños de Becerreá “polo seu apoio” e a todas as persoas que compartiron con el os últimos anos e lembrou que «hai partido e, en breve, un novo liderado, e seguimos loitando polos intereses de Becerreá”

Quen foi ata o de agora presidente do PP de Becerreá dixo que axudará a facer efectivo o relevo no seu partido e que abandona a primeira liña da política “pero non a confianza nun proxecto que se ten consolidado nos últimos anos como alternativa seria de goberno local”. Neste senso anunciou o seu apoio e colaboración á nova dirección e ao Grupo Municipal “como un militante de base”.

González Madarro amosouse “orgulloso” de formar parte do PP e facer política baixo estas siglas desde o ano 2007 cando foi designado candidato á alcaldía polo Partido Popular.  Barreiro tamén agradeceu a súa contribución á consolidación dun proxecto que é, por méritos propios, alternativa de goberno.