Partido Popular de Lugo

O tripartito do Valadouro non se compromete a manter a contía da axuda económica a Apreval

O Partido Popular do Valadouro, a través do seu voceiro local, José Manuel Lamela, levou onte a pleno, vía urxencia unha moción na que instaba ao equipo de goberno do concello –PSOE e Udival–, a manter durante 2013 a cantidade económica de 3.000 euros que se viña concedendo a Apreval, para o desenvolvemento das súas actividades, que poñen en valor o mundo do cabalo, de referencia para o Valadouro.

Segundo explicou Lamela, durante o transcurso da sesión celebrada onte o equipo de goberno non se comprometeu a manter esta axuda na contía do ano pasado e de feito -matizou o popular- a concelleira de Udival, quen dixo que era a súa competencia porque leva a área de cultura, falou en todo momento de 1.500 euros, o que suporía un recorte do 50%. Porén, a edil non tivo máis remedio que dar a razón a Lamela cando explicou que o PP nas anualidades anteriores subvencionaba dúas actividades de Apreval, precisamente por importe de 3.000 euros.

O BNG non quixo votar a favor da urxencia desta proposta, co que impediu o seu debate en sesión plenaria para que a administración municipal continuara co apoio a Apreval.

O popular, José Manuel Lamela, explicou que a urxencia desta iniciativa motivábase ao ter coñecemento recente de informacións vertidas polo equipo de goberno e que poñían en perigo a cantidade recibida en anualidades pasadas por parte desta asociación do mundo do cabalo.

Os populares non entende esta actitude

Neste senso, os populares tacharon de “inconcibible” este feito, ao tratarse dun ente que destaca por executar proxectos que chegan a ter relevancia autonómica e máis tendo en conta que a partida na que se enmarca esta axuda viuse incrementada nos novos orzamentos municipais

Así, o Partido Popular do Valadouro, a través de José Manuel Lamela, quere agradecer o traballo “serio” que leva feito esta asociación, que destaca “polo seu rigor e seriedade”, e que deu incluso lugar a proxectos, en colaboración con outras administracións, para instalar no Valadouro unha pista de andadura.

Desacordos durante o primeiro pleno

Por último, o Partido Popular do Valadouro puxo de relevo os desacordos do tripartito –PSOE, Udival e BNG– no primeiro pleno ordinario celebrado no día de onte. O BNG non quixo votar favorablemente ás propostas do equipo de goberno, entre as que se atopaba a aprobación inicial da ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar, que actualiza as súas contías.