Partido Popular de Lugo

O PP de Rábade urxe a posta en marcha dun plan municipal de emprego

A voceira do PP de Rábade, María Luísa Macía, rexistrou unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que os populares locais propoñen a creación e posta en marcha urxente dun plan municipal de emprego, que facilite a incorporación socio laboral dos desempregados do municipio.

A popular considera que os representantes políticos “estamos obrigados á unidade de acción á hora de levar a cabo distintas actuacións contra o desemprego, que permitan paliar os efectos do paro nas familias da localidade”. Neste mesmo senso, María Luísa engadiu que “temos na nosa man impulsar iniciativas que dean solución a esta problemática tanto de forma temporal, como estrutural, á hora de incentivas a recuperación económica e a volta á senda da creación de emprego estable e de calidade”.

Así, “as administracións públicas, independentemente de que as goberne, –puntualiza-, deben traballar nesta liña e deben mostrar os seus compromisos especialmente neste momento á hora de destinar os recursos económicos necesarios para poñer en marcha accións de caracter urxente que poidan axudar a aqueles veciños desempregados que se atopan nunha situación vulnerable”.

Deste xeito, os populares puntualizan na moción que o Concello realice as modificación de créditos orzamentarias que precise para materializar este plan de emprego

Incentivos

Entre as medidas que poden levarse a cabo desde a administración local como apoios aos desempregados, Maria Luísa Macía expón a posibilidade de levar adiante incentivos a empresas e autónomos para a contratación de veciños empadroados no municipio. Sinala que hai outros moitos concellos que xa as aplican con grande éxito e lembran que no caso de Rábade tamén sería moi útiles.

Deber do Concello

María Luísa Macía explica que o seu grupo ten constancia da solicitude, de xeito conxunto con outros concellos, das axudas autonómicas para a posta en marcha do obradoiro de emprego, isto é a participación dun proceso de concorrencia competitiva para obter a correspondente axuda da Xunta.

Porén, a popular considera que, con independencia da resolución desta solicitude, “o Concello ten na súa man impulsar outra serie de apoios complementarios, que van dende a contratación directa de novo persoal, á posta en marcha dun plan de incentivos ás empresas e autónomos que acorden contratar aos novos veciños desempregados”.