Partido Popular de Lugo

O PP quere transmitir as súas condolencias e solidariedade tralo accidente ferroviario acontecido onte

 

 

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

Santiago, 25 de xullo de 2013.-

Grazas polo seu interese.

Calquera palabra é insuficiente para un sentimento que só se pode describir con bágoas. Hoxe, no Día de Galicia, todo o pobo choramos a traxedia que estamos a vivir, choramos as vítimas, choramos o desasosego das familias.

E ese pesar, no nome de Galicia e do seu Goberno, é o que quero trasladar a todas as persoas que máis directamente están a sufrir esta traxedia.

Son consciente de que nin o apoio de gobernos ou partidos políticos, nin o respaldo da Súa Maxestade o Rei e dos Príncipes de Asturias, da Casa Real, nin os milleiros de condolencias que nos teñen chegado nas últimas horas poden aplacar a súa dor pero é a miña obriga transmitirlles que, detrás da súa desesperación, está tamén a proximidade, o sufrimento e a consternación de todo Santiago de Compostela, de toda Galicia, de toda España e de todo o Mundo.

O Consello de Xunta que acaba de ter lugar ven de decretar o maior loito na nosa historia autonómica.

É, sen dúbida, o Consello de Goberno máis duro que ten reunido nunca a Xunta de Galicia. Porque é ao día seguinte dunha traxedia como a sucedida onte e porque, ao mesmo tempo que comparezo ante vostedes, estase a levar a cabo o proceso de identificación das persoas que perderon a vida.Galicia séntese preto da angustia das familias que agardan. Así llelo transmitín onte e confiamos en que os traballos xudiciais podan seguir avanzando coa maior celeridade pero tamén coa maior seguridade posible.

Durante os próximos 7 días, Galicia estará de loito oficial, e, por sempre, máis tristes. Acompañaranos esta dor e a memoria das persoas que perderon a súa vida dun xeito tan tráxico.

Neste momento, 77 persoas –son os datos máis fiables dos que dispoñemos, 77 persoas que perderon a súa vida e aínda faltan algúns traballos por rematar-; pero debemos agardar a que as autoridades xudiciais, conforme aos seus protocolos de actuación, confirmen o número e a identidade dos falecidos.

Ao longo desta xornada seguiremos comunicando toda a información que chegue ao gabinete de crise constituído pola Xunta, polo Goberno de España e polo Concello de Santiago que formamos desde o primeiro momento en que tivo lugar este suceso. O Presidente Rajoy, co que estou en comunicación permanente, chegará a Santiago en breves intres.

As traxedias imprimen carácter nos pobos e poñen a proba a valía das súas xentes. O 24 de xullo xa non será a véspera dunha xornada de celebración, senón a de conmemoración dun dos nosos días máis tristes.

Pero, dicía, as desgrazas tamén examinan a condición humana das persoas que as padecen. E o 24 de xullo de 2013, no que o descarrilamento dun tren se levou por diante a vida e os sonos de tantas persoas, será tamén o día en que os galegos colapsaron os centros habilitados para doar sangue.O día en que cidadáns anónimos se arroxaron, nos primeiros instantes, ás vías do tren para o correr aos feridos sen reparar en máis perigos que os que sufrían os seus próximos.

O día en que voluntarios, chegados de diferentes lugares, se desprazaron ata Compostela para acompañar, atender e consolar ás familias, unha tarefa que o Colexio de Psicólogos está tutelando desde os primeiros instantes.

O día en que Galicia se puxo a disposición de Galicia.

E toda España, desde todas as Comunidades Autónomas. E tamén os nosos veciños de Portugal e de Francia. Quero trasladarlles o agradecemento de Galicia.

E quero, de xeito subliñado, destacar o esforzo e a excepcional resposta do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde;

tamén dunha excepcional resposta dos efectivos de emerxencia da Comunidade Autónoma: Protección Civil, Bombeiros, integrantes do 112;

e dos membros das forzas de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil;

Síntome orgulloso do labor de todos eles non só como Presidente senón como galego. Están a dar un exemplo de preparación, de profesionalidade, de implicación e de eficacia que non esqueceremos nunca.

A todos eles debemos vidas.

Ao sentimento de dor que hoxe sufrimos, tamén se une o de agradecemento pola resposta chegada desde todas partes; e o de orgullo pola resposta do pobo galego.

Unha vez máis comprometido; unha vez máis solidario; unha vez máis exemplar.

Non hai maneira máis tráxica de mostrar a grandeza dun pobo e Galicia tena en todas as circunstancias.

Hoxe, Día de Galicia que sempre celebramos, sufrimos unidos.

Descansen en paz.