O Partido Popular de Pol rexistrou unha moción plenaria na que insta ao equipo de goberno local á creación e posta en marcha urxente dun Plan Municipal de Emprego, que facilite a incorporación socio-laboral das veciñas e veciños en situación de paro no concello.
Para lograr este obxectivo de fomento do emprego os populares propoñen na iniciativa o establecemento de distintos apoios que, como mínimo deben incluír, desde a contratación directa de novo persoal, ata incentivos á contratación por parte de empresas e autónomos de persoas empadroadas no municipio.
Neste senso, os populares recollen na súa iniciativa que “as Administracións Públicas, independentemente de quen as goberne, deben traballar nesta liña”, ao que engaden que estas “deben mostrar os seus compromisos especialmente neste momento á hora de destinar os recursos económicos necesarios para poñer en marcha accións que poidan axudar a aquelas veciños desempregados”.
Xestión pasiva
Os populares de Pol criticaron que o equipo de goberno da localidade estea sendo pouco operativo á hora de crear emprego. Así, o Grupo Municipal do Partido Popular asegura ter constancia de que dende o Concello non se solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para a posta en marcha dun Obradoiro de Emprego, segundo o previsto na convocatoria de subvencións vixente, o que, segundo os populares, amosa certa pasividade e falta de sensibilidade con este colectivo de vecinos desempregados que podería beneficiarse deste servizo
De igual maneira, os populares como exemplo da inoperativididade do equipo de goberno á hora de crear emprego, citan o feito de que o rexedor local non contratara a seis traballadores durante os meses de verán para a brigada contra incendios.
Por último, os populares consideran que o equipo de goberno, aínda que desaproveitara estas oportunidades, ten na súa man impulsar outra serie de apoios complementarios que permitan incentivar o emprego local, mediante a creación dun plan de emprego municipal.