Partido Popular de Lugo

Os populares reclamarán de novo en pleno que a Deputación cumpra co compromiso de mellorar a xestión de rutas en catamaráns

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, presentou hoxe diante das instalacións pechadas do Club Náutico de Doade, xunto con alcaldes e voceiros locais, a iniciativa plenaria que os populares rexistraron para o seu debate na próxima sesión plenaria do martes e na que instan á Deputación Provincial de Lugo a que subsane de maneira inmediata as deficiencias existentes na xestión das rutas de catamarán polos ríos Miño e Sil, dando así resposta as demandas trasladadas polo sector e cumprindo co compromiso asumido en sesión plenaria do 30 de outubro de 2012.

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular lembra que o seu grupo presentou en outubro outra moción, aprobada por unanimidade e na que o equipo de goberno provincial se comprometeu a mellorar a atención telefónica e on-line aos cidadáns; así como a establecer unha reunión de traballo na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada para replantear rutas suspendidas, planificar paradas de obrigado interese e mellorar a sinalización e adecuación do entorno.

Elena Candia afirma que a situación é insostible a día de hoxe e a repercusión sobre o turismo é moi evidente froito das importantes deficiencias existentes que o propio bipartito provincial recoñeceu ao votar a favor da moción dos populares en outubro de 2012. Sen embargo, explica Candia, que o compromiso asumido polo goberno provincial en sesión plenaria segue a estar sen cumprir, sendo moitas as reivindicacións trasladadas dende aquela polo sector e visitantes, aos que se lle unen outros escritos do Grupo Popular e tamén o rexistro de moción nos concellos afectados.

Comisión de Traballo

 

Os populares esixen na súa moción que se enmenden as deficiencias existentes na xestión dos catamaráns, ao tempo que puntualizan que

“de ter vontade pero non saber facelo” –explica Candia- esixímoslle ao equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo a que se estableza unha comisión de traballo, na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada, e na que se deseñe un programa –planificación de paradas, posta en funcionamento de infraestruturas, mellora na atención aos usuarios e na sinalización e adecuación do entorno…-, que dea resposta a todos os implicados, sendo aceptado dito resultado como vinculante.

Outras accións do Goberno Provincial

Grupo Provincial do Partido Popular a través da súa voceira fixo referencia a existencia de escritos trasladados a Área de Cultura e Turismo tanto por parte do sector, como de asociacións, establecementos hostaleiros e o propio Grupo Popular nos que demandan unha mellora no servizo e refiren a deficiencias como a supresión de rutas, a redución de paradas en áreas recreativas –Illa de Maiorga-, ao peche de clubs náuticos en temporadas altas de turismo e a mala atención ao usuario.

Así, ante esta situación descrita, o Grupo Provincial do Partido Popular, ademais do rexistro da moción plenaria, tamén iniciará unha campaña de recollida de sinaturas co obxecto de instar ao goberno Provincial a que comece a traballar.

Así mesmo, dado as repercusións negativas que esta situación está a xerar nos establecementos e no sector turismo; o Grupo Popular tamén valorará unha posible reclamación patrimonial polos danos e prexuízos causados.