Partido Popular de Lugo

Os populares do Valadouro propoñen a posta en marcha dun Plan de Emprego Municipal

O voceiro do Grupo Municipal Popular e exalcalde do Valadouro, Jose Manuel Lamela, vén de rexistrar unha moción para o seu debate en futuras sesións do Pleno municipal na que os populares locais propoñen a creación e posta en marcha dun plan de emprego municipal.

A iniciativa busca que tamén, nesa segunda parte da lexislatura local, o Concello se implique na procura de solucións para os seus veciños desempregados e, en concreto, que o actual Equipo de goberno asuma o compromiso de poñer en  marcha unha serie de medidas que contribúan á incorporación no mundo laboral daqueles veciños que a día de hoxe se atopan no paro.

OBRADOIRO DE EMPREGO

Lamela lembra que o PP, cando exerceu a responsabilidade do Goberno local impulsou, en colaboración coa Xunta de Galicia e, tras participar nun proceso selectivo de libre concorrencia, diversos apoios destinados aos desempregados, como foi o caso da posta en marcha dun Obradoiro de emprego, que vén de rematar nas pasadas datas o seu período de vixencia. Para compensar esta circunstancia os populares buscan impulsar novas iniciativas en apoio dos seus veciños desempregados.

INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN

A proposta do Grupo Municipal Popular inclúe -segundo explicou Lamela- diversas iniciativas como son a contratación directa de novo persoal ou, a posta en marcha dunha serie de incentivos a empresas e autónomos que contraten a veciños empadroados no municipio.

Lamela asegura que este tipo de iniciativas son viables “tendo en conta a situación saneada na que se atopa o Concello” e que todas elas contribuirían a axudar aos desempregados tralo remate da iniciativa política anterior, o Obradoiro de emprego.

PROPOSTA CONSTRUTIVA

Lamela  fixo un chamamento á responsabilidade política dos partidos integrantes da Corporación Municipal e insistiu en que o Plan de Emprego proposto é unha iniciativa construtiva. Espera polo tanto que na idoneidade da súa posta en marcha concite o apoio das outras tres forzas políticas que compoñen a Corporación: PSOE, Udival e BNG.

O portavoz popular di que a iniciativa xurde do Partido Popular, como formación política maioritaria, pero insiste en que todos os representantes políticos e tamén todas as administracións públicas, independentemente de que as goberne, –puntualiza-, deben traballar nesta liña e deben mostrar os seus compromisos. Especialmente neste momento á hora de destinar os recursos económicos necesarios para poñer en marcha accións que poidan axudar a aqueles veciños desempregados que se atopan nunha situación vulnerable”.