Partido Popular de Lugo

O PP local organiza este sábado unha reunión aberta a todos os veciños do concello para coñecer de primeira man as súas demandas

O Partido Popular de Pol organiza este sábado unha reunión de traballo aberta a todos os veciños do concello, que terá lugar no teleclube de Andión, ás 10:00 horas.

Segundo explican os populares, este primeiro encontro do novo comité local cos polenses ten por obxecto coñecer de primeira man as demandas e reivindicacións dos veciños, para poñer en común e establecer unha liña de traballo que dea resposta ao que solicitan os polenses.

Deste xeito, os populares pídenlles aos veciños que non dubiden en participar de forma activa da reunión creando así unha forma de interlocución directa, que permita coñecer as suxerencias dos veciños para lograr un traballo de oposición que satisfaga aos residentes do municipio.

Durante esta xuntanza, os populares tamén darán conta aos veciños do traballo que se está a facer dende o grupo municipal, así como explicarán diferentes aspectos da xestión local.

Os populares xa anunciaran a pretensión desta reunión durante a celebración do congreso local en xuño e que agora se lle pon data para este sábado, convertendo o partido local nun grupo que busca estar o máis preto posible dos veciños, para así poder transmitir da mellor maneira as demandas ás diferentes administracións, así como ao PP provincial durante as xuntanzas de coordinación que se están a levar a cabo.