Partido Popular de Lugo

O PP do Incio lamenta que a alcaldesa prive aos veciños dunha brigada de extinción de incendios tras renunciar a colaborar coa Xunta de Galicia

O PP do Incio vese na obriga de denunciar unha “grave irresponsabilidade” da rexedora local, a socialista Laura Celeiro, que dado á súa renuncia a colaborar coa Xunta de Galicia, está a privar á localidade dunha brigada municipal de loita contra o lume.

O presidente do PP local, José Álvarez Vázquez, cualifica dun “novo grave erro de xestión”, a decisión do goberno local tras renunciar ao convenio coa Xunta de Galicia, unha vez asinado, e que implica que o Concello do Incio non conte cunha brigada municipal de extinción de incendios. O popular asegura non entender o que motivou á socialista a solicitar a colaboración da Xunta,  tras serlle concedida, e finalmente volverse atrás.

Os populares creen que isto se debe a un “mero capricho”, por razóns “políticas” e pregúntanse se foi unha actitude sectaria a que levou á socialista a renunciar ao convenio coa Xunta de Galicia que permitiría a contratación de varios veciños durante tres meses.

José Álvarez define isto de ilóxico e explica que a maioría dos alcaldes conscientes da súa utilidade e importancia, asumiron a creación destas brigadas, incluídos municipios gobernados polo PSOE. Neste mesmo senso, o popular lembra que o convenio para a creación de brigadas forestais ao que se están acollendo a maioría dos concellos da provincia conta con respaldo da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) na que están representados todos os partidos políticos con responsabilidades municipais.

En detrimento do ben dos vecinos

Para o popular “esta actitude da socialista castiga aos veciños deste concello e fai que perdamos servizos dos que outros municipios si poderán verse beneficiados”.

Asemade, esta situación mostra a “falta de sensibililidade cos veciños do Incio que non teñen un posto de traballo”, xa que este convenio permitiría a contratación de varios veciños da zona durante tres meses.