Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde tacha de “irresponsabilidade” que o rexedor local non solicitara á Xunta unha brigada municipal de extinción de incendios

O Partido Popular de Castroverde tacha de “irresponsabilidade” que o rexedor local, o socialista, Xosé María Arias, non fose quen de solicitar á Xunta de Galicia unha brigada municipal de incendios.

Para os populares, esta é unha mostra máis da “falta de xestión” do rexedor polo pobo que goberna, privándoo da creación de postos de traballo e da dotación de equipo humano necesario que permita reducir o risco de incendios.

Neste senso, a voceira popular, María Josefa Gómez Pallín, explicou que o convenio coa Xunta de Galicia permitiría contratar entre catro e seis traballadores durante un período de tres meses, cun financiamento directo da Xunta non inferior ao 75% do custe total.

Petición de explicacións

Deste xeito, Gómez Pallín, considera necesario que o rexedor local dea explicacións aos veciños polo motivo que levou ao socialista a deixar de lado as súas funcións de goberno e non aproveitar unha oportunidade que conleva a contratación de persoal entre cuxas funcións está a de desenvolver labores preventivas tan importantes como as de limpeza e roza das masas forestais e, no seu caso, extinción de incendios.

Os populares consideran incomprensible que un rexedor “non fose quen” de aproveitar esta oportunidade cando o convenio para a creación das brigadas forestais ao que se están acollendo a maioría dos concellos da provincia conte co respaldo da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provinciais), na que están representados todos os partidos políticos con responsabilidades municipais.

Deste xeito, dende o Partido Popular lamentan que o Concello de Castroverde non solicitara esta brigada, sobre todo nestes meses estivais, polo alto risco de incendios que implican e nun ano no que tanto as altas temperaturas como unha primavera moi chuviosa incrementa as posibilidades de incendio.