Partido Popular de Lugo

Os populares explicaron que a nova lei de Educación trata de mellorar a eficacia baseándose en piares como son o esforzo, a calidade, a igualdade e a liberdade

O deputado nacional, Jaime de Olano, xunto co senador, Armando Castosa, explicaron hoxe en Vilalba que a nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) do Goberno central trata de mellorar a eficacia do sistema educativo baseándose nunha serie de piares fundamentais como son a cultura do esforzo, a calidade e a excelencia educativa; o mantemento e a atención á diversidade; a igualdade de oportunidades; e a liberdade de elección de familias, introducindo elementos de modernización.

A reforma educativa que promove o Goberno de Mariano Rajoy motívase no “desastre que nos deixou o PSOE nesta materia, esencial para o futuro dun país”, e que “nos levou a situacións insostibles que deixan sen opcións de futuro aos mozos de hoxe”. Así, as últimas cinco leis de Educación aprobadas por gobernos socialistas deron lugar a “dramáticos logros” como son unha taxa de abandono educativo en idades temperás, en torno ao 25% fronte ao 13% da UE.

O Goberno trata de establecer un sistema educativo que dea resposta a “estas debilidades, tras un proceso de negociación con todos os axentes, buscando a calidade da educación en xeral e a pública en particular e tratando de mellorar os resultados dos alumnos”

Obxectivos xerais da LOMCE

“Esta mellora no sistema educativo preténdese acadar cunha nova lei que non derroga a LOE, senón que a complementa e a mellora”, coa pretensión de diminuír as taxas de abandono educativas temperás e o fracaso escolar; mellorando as condicións para que os mozos teñan unha mellor e máis adecuada formación que lles permita acceder a un emprego ao finalizar os estudos; diminuíndo o número de alumnos que repiten curso; evitando as diferenzas entre comunidades autónomas; mellorando o nivel de coñecemento en áreas prioritarias coa sinalización clara dos obxectivos de cada etapa; modernizando a FP e incorporando e potenciando as Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.

 

Medidas que contén a LOMCE

A “imperiosa e necesaria” reforma educativa, “para corrixir o que está demostrado que funciona mal”, contén tres medidas fundamentas que son a flexibilización das traxectorias educativas, a atención personalizada e a cultura da responsabilidade e do esforzo tanto para o

Dunha maneira máis concreta, os populares explicaron que a Lomce ofrece un conxunto flexible de traxectorias en función das necesidades e preferencias das familias e dos alumnos, pero sen imposición, xa que se “trata de posibilidades de elección voluntaria”. Así, os populares precisaron que as decisións son reversibles, así familias e alumnos poden modificar a súa elección en calquera momento.

En canto a atención personalizada, está desenvolverase dende primaria ata bacharelato e FP, con plans de actuación para o desenvolvemento de altas capacidades intelectuais; e a realización das avaliacións adaptadas ás necesidades do alumnado con necesidades educativas especiais.

Asemade, os alumnos terán que pasar avaliacións finais para obter títulos en Graduado en ESO e Bacharelato, por competencias claves ou básicas (europeas) e defendese a axilidade dos procedementos de adopción de medidas correctoras, cun carácter educativo e recuperador, garantindo o respecto aos dereitos dos alumnos e procurando a mellora nas relacións de todos os membros da comunidade educativa.

En canto aos centros e ao equipo directivo e docente, estes deberán render conta, con transparencia de resultados, aumentando o liderazgo do director/acceso tras acreditar a superación dun curso formativo.

 

Valoración positiva

O dictamen do Consejo de Estado de 18 de abril contén unha valoración positiva dos elementos fundamentais nos que se basea a Lomce, ademais de realizar un conxunto de observacións de carácter técnico e xurídico que foron atendidas e incorporadas á norma.

En canto ao que é ou non é certo, os populares explicaron que a implantación da Lomce realizarase no curso seguinte a aprobación da Lei, e suporá un custe consolidado de 255 millóns de euros anuais, polo que “non é certo, como se dixo, que é froito de recortes xa que ao custo previsto pola LOE, engádense agora estes 255 millóns de euros”.

A Lomce “non pretende destruír a escola pública e favorecer a escola concertada” xa que está dirixida a mellorar a calidade de todas. Asemade, “tampouco destruirá emprego, ao contrario, xa que será necesario contratar a máis profesores para implantar a Lomce”, nin “segregará aos alumnos pola súa capacidade intelectual, senón que se trata de ofrecerlles oportunidades para que continúen con éxito no sistema educativo”.

 

Necesaria reforma educativa

Durante a rolda de prensa na que participaron o rexedor de Vilalba, Gerardo Criado, e o deputado autonómico e presidente dos populares locais, Agustín Baamonde; De Olano e Castosa concluíron afirmando estar convencidos de que “se non se transforma a sociedade e se implica a toda a sociedade, non poderemos transformar a Educación”.