O Partido Popular solicitará pola vía xudicial o documento asinado ante notario por PSOE, Udival e BNG e que, entre outras cláusulas que aínda se descoñecen, contén o pacto económico -unha indemnización de 100.000 euros- que condiciona a gobernabilidade do Valadouro.
Os populares realizarán esta petición tras formalizar a súa demanda dentro do prazo dado polo Xulgado número 2 do Contencioso-Administrativo de Lugo, que nas pasadas datas decidiu admitir a trámite o recurso que pode dar lugar á impugnación xudicial da moción de censura do Valadouro.
DECLARACIÓNS ANTE O XUÍZ
O Partido Popular tamén pedirá na súa demanda que o xuíz chame a declarar a varios concelleiros das tres forzas políticas asinantes do pacto.
Desde o PP lembran que ata o momento, ningunha destas tres forzas, pese as reiteradas peticións do Grupo Municipal Popular e dalgúns veciños, quixeron facer público o contido íntegro deste documento ata o momento.
Nas semana anterior o Xulgado acollendo a petición do PP acordou tramitar este asunto a través do procedemento especial que a lei contempla para a protección dos dereitos fundamentais da persoa e avaliar se o acordo adoptado por estas tres forzas políticas pode condicionar a liberdade dos concelleiros e a saúde democrática.
Os populares insisten en que sexa cal sexa a decisión final do xuíz en relación con este asunto -que o PP non quere prexulgar- entenden que presentar a demanda é unha obriga por responsabilidade moral cos veciños do Valadouro e ante a transcendencia de que sexa a xustiza quen avalíe os feitos inéditos acontecidos neste concello e que os populares entenden incompatibles cos principios máis básicos do sistema democrático.