O Partido Popular de Pol denunciou hoxe que o concello non contará cunha brigada municipal de prevención e extinción de incendios por unha decisión tan “sorprendente como irresponsable” do alcalde, Lino Rodríguez.
Os populares explican que o rexedor decidiu renunciar ao convenio coa Xunta para a posta en marcha deste servizo a pesar de que xa tiña iniciado o proceso de selección do persoal e incluso estaban feitas as entrevistas cos distintos candidatos.
O alcalde priva, deste xeito, á contratación durante tres meses de seis persoas que se dedicarían tanto a labores de prevención (rozas, limpezas de masas forestais) como, chegado o caso, colaborarían na extinción de incendios. A maiores Pol vese privado dunha importante axuda da Xunta que financiaría ata o 75% do custe total deste servizo.
Desde o Partido Popular lamentaron que Pol sexa un dos poucos concellos da provincia que teñen renunciado a este servizo de grande importancia, sobre todo nestes meses estivais, polo alto risco de incendios que implican e nun ano no que tanto as altas temperaturas como unha primavera moi chuviosa incrementa as posibilidades de incendio.
CO PROCESO DE SELECCIÓN XA INICIADO
Os populares non só censuran a actitude do alcalde por prescindir deste servizo senón tamén o momento no que decide facelo, cando xa había veciños que participan no proceso de selección, “e se crearon unhas expectativas”
“Hai seis persoas que poderían ter traballo durante tres meses, ademais facendo unhas tarefas de grande utilidade social, pero o alcalde parece non darse por enterado”- dixo Ángeles Lenza- tras concluír lembrando que “nun concello de 1.600 habitantes renunciar a xerar emprego é un grande error”
Finalmente desde o Grupo Popular quixeron deixar claro que desde o Partido Popular vían con bos ollos a intención do Concello de incluír nesas brigadas tres traballadores activos do concello, circunstancia que o propio convenio coa Xunta posibilita, pero, en todo caso, habería a posibilidade de contratar seis profesionais máis desempregados que, nos tempos que corren é un luxo ao que non debéramos renunciar.
CO AVAL DA FEGAMP
Concellos da provincia de do resto de Galicia de todas as cores políticas veñen de sumarse nos últimos tempos ao convenio coa Xunta que fai posible a creación destas brigadas, mediante unha fórmula que conta coa aval da FEGAMP, da Federación Galega de Municipios e Provincias.