O Partido Popular de Samos vén de rexistrar a iniciativa do seu portavoz, Jose Aurelio López e do resto dos concelleiros populares, unha moción para o seu debate e votación na vindeira sesión plenaria municipal a través da que solicitan formalmente a rebaixa dos cuantiosos salarios do goberno local.
Os populares esixen ao alcalde, o socialista Julio Gallego, que reduza como mínimo nun 20% o custe do Equipo de Goberno municipal e que racionalice o número de dedicacións recoñecidas aos seus edís: das catro parciais que hai na actualidade, a que se opte entre unha exclusiva e unha parcial ou por dúas parciais pero, en todo caso, un número moito menos abusivo que o actual, que cualifican como desproporcionado.
Samos é un dos municipios do seu entorno con maior número de dedicacións dos concelleiros de goberno e nos que estes perciben unhas retribucións máis elevadas. Os populares lembran que o Executivo presidido por Julio Gallego fai de Samos un dos concellos máis caros da provincia, con preto de 50.000 euros de gasto anuais para a xestión dun municipio de entorno a 1.500 veciños, segundo o padrón.
NIN POBOACIÓN, NIN ORZAMENTO, NIN TRABALLO
Desde o Partido Popular insisten en que non hai criterios obxectivos que fundamenten este elevado gasto: nin en atención á poboación, nin pola contía do seu orzamento, pero é que ademais este gasto é moi desproporcionado se temos en conta o pouco traballo que os concelleiros con dedicación están a facer.
O Partido Popular esixe a racionalización destes gastos e a redución, en contía equivalente, dos gastos de Seguridade Social destes concelleiros, pois lembran, este tamén é un gasto que debe computarse a maiores, pois o soportan as arcas municipais, e non só o que procede da contía dos seus salarios.
POR RIBA DAS SÚAS POSIBILIDADES
Para os populares o goberno municipal de Samos cobra e gasta por riba das posibilidades orzamentarias do concello ao tempo que lle fai pagar á cidadanía por outras vías uns servizos que non melloran.
Segundo o portavoz municipal os recursos municipais deben estar ao servizo da xente e non do Grupo de Goberno e por iso, o aforro que se poida conseguir con esta medida, podería destinar a rebaixar as taxas municipais, a poñer en marcha novos servizos, a reforzar a asistencia ás persoas maiores ou a reforzar a partida en emerxencia social ou a apoiar ao pequeno comercio local.
NON SON COMPARABLES OS GOBERNOS
En relación cos declaracións vertidas hoxe en prensa por Julio Gallego, o popular considera que non é admisible a comparación co goberno anterior e lémbralle ao socialista que está a desfrutar do que deixou feito o anterior goberno.