Partido Popular de Lugo

O voceiro do PP de Samos esíxelle a Gallego que goberne en vez de entremeterse en asuntos de carácter persoal

Samos, 17 de xullo de 2013.- O voceiro do PP en Samos, Jose Aurelio López, esíxelle ao rexedor local, o socialista, Julio Gallego, que “goberne no lugar de entremeterse en asuntos de carácter persoal”. O popular vese obrigado a facer estas declaracións trala nova vertida polo alcalde na que acusa a José Aurelio López de “feísmo”, no Camiño Francés.

Ante esta situación, o veceiro popular culpabiliza a Julio Gallego, como responsable da administración local, da mala imaxe que se poda proxectar dende Samos “froito dunha xestión que se resume nunha falta de conservación evidente do patrimonio do municipio”.

Neste senso, José Aurelio lamenta que, mentres o seu grupo cumpre co seu deber de fiscalizar o goberno, o alcalde socialista xunto cos seus tres edís con dedicación, eludan as súas responsabilidades e escuden en situacións de carácter persoal a súa total pasividade ante o seu deber de gobernar.

Este feito, segundo o popular, deixa en evidencia que os socialistas non teñen argumentos sólidos para xustificar a situación de falta de conservación e mantemento de áreas recreativas de Samos.

Asemade, a crítica vertida polo socialista tamén pon de manifesto que o alcalde de Samos non “está ao corrente das xestións promovidas no Concello”, xa que do contrario sabería que, segundo explica o voceiro popular, “se ten solicitado licenza de obra municipal para realizar as adecuacións oportunas na edificación cuxo estado critica o socialista”.

Deste xeito, o voceiro popular pídelle ao rexedor socialista que “non bote balóns fóra”  con declaracións que procuran soamente a “coacción da xente para tratar de ocultar a verdade dun goberno que non compre coas súas funcións” e lémbralle que asumiu o deber de “gobernar”, polo que lle esixe que “se centre nesta función”.