Partido Popular de Lugo

Balseiro censura a “inxusta” decisión de Bruxelas sobre o naval e lamenta o papel xogado polo socialista Almunia

O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, arremeteu hoxe contra a decisión da Comisión Europea de obrigar á devolución das axudas do tax lease xa que, pese a flexibilización dalgúns dos criterios inicialmente previstos, “segue a poñer en risco o futuro do sector naval”.

O popular non dubidou en cualificar de “inxusta” esta decisión porque a maiores do impacto sociolaboral que provoca, e do impacto que ten no conxunto dun sector xa de por si delicado, supón un grave trato discriminatorio respecto de outros países europeos como é o caso de Francia, que nun expediente similar foi eximida de devolver as axudas.

Nesa liña Balseiro lamentou o papel xogado polo socialista Joaquín Almunia, promotor desta sanción xa que “foi absolutamente insensible” ás peticións formuladas polo seu país e desde todas as institucións. “Indigna moito saber que tivo que defendernos un comisario italiano, non o propio Almunia, que parece obsesionado en aplicar un castigo inmerecido a España”

A decisión da Comisión Europea fai que creza a preocupación entre os 300 empregados dos estaleiros Gondán e Armón, que operan na Mariña lucense e no Occidente de Asturias –moitos residen en Burela e Ribadeo- aos que o dirixente popular quixo expresar a súa solidariedade e apoio á vez que a esperanza de que a decisión poida ser revisada ou revogada.

POSIBLE RECURSO

De feito o Balseiro indicou que os populares lucenses amosan o seu respaldo a todas as iniciativas que, en defensa do naval teña previsto impulsar a Xunta, as Comunidades Autónomas e o Executivo central, entre elas, un posible recurso xudicial.

Hoxe mesmo o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo contactos co ministro de Industria, José Manuel Soria, para a interposición dun recurso contra o ditame do Colexio de Comisarios sobre o sector naval. O mandatario galego, a cuxas palabras se suman desde o PPdeLugo  cualificou a decisión promovida por Almunia de «cuestionable» desde o punto de vista xurídico, «pouco responsable» a nivel económico e «insensible» no terreo social.